O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado da deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, asistiu este venres na Praza de España de Pontevedra á inauguración da quinta edición da Feira da Saúde e Benestar de Pontevedra, “PonteSán”, que se celebra entre hoxe e mañá sábado 28 de setembro. A Deputación de Pontevedra conta cun espazo propio, entre os máis de 50 stands da feira, desde o que está a difundir información sobre os programas provinciais +Benestar, +Convivencia e Pontevedra, provincia +inclusiva, así como da campaña de prevención das agresións sexuais “Compracer nunca, con pracer sempre”.
O vicepresidente Rafa Domínguez lembrou que o obxectivo da Deputación é “garantir que as veciñas e veciños da provincia teñan unha vida plena, con maior benestar e mellor saúde”, e con este fin “impulsamos programas que contribúen a educar en e para a saúde, iniciativas para o benestar social e emocional da cidadanía, e tamén equipamentos e infraestruturas deportivas que contribúen a construír sociedades máis sas e activas”.