A sesión ordinaria serviu tamén para aprobar o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial entre Baión e András, en Vilanova de Arousa por 962.000 euros, así como a prórroga por un ano do servizo de cunetas de seguridade por 2 millóns
O apoio dos deputados do grupo popular serviu para aprobar unha moción de apoio ao pobo venezolano para o recoñecemento de Edmundo González como presidente lexítimo e outra para reclamar un sistema de financiamento autonómico xusto e solidario
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro, o acordo para adquisición do Teatro Cine Fraga de Vigo a través dun investimento conxunto entre as administracións provincial e autonómica de 9,3 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 49 %, uns 4,56 millóns de euros; para destinalo a usos culturais. O pleno serviu tamén para a aprobación dun proxecto cifrado en case un millón de euros para a mellora da seguridade viaria na EP-9701 entre Baión e András, en Vilanova de Arousa, así como da segunda prórroga do acordo marco que regula as obras de cunetas de seguridade na rede viaria provincial por un ano por valor de dous millóns de euros ou a modificación puntual da nova senda peonil do Paseo Naval da Illa de Arousa e a resolución do convenio co Concello de Pontevedra para o novo vial de conexión entre Rosalía de Castro e a Avenida de Marín en Mollavao. Do mesmo xeito, saíron adiante dúas mocións do grupo popular en defensa dun sistema xusto de financiamento das comunidades autónomas e da democracia en Venezuela.
O principal asunto da xornada foi aprobación, cos votos favorables dos deputados do grupo popular e o voto en contra dos do PSOE e o BNG, do acordo para adquisición do Teatro Cine Fraga en Vigo. Un acordo valorado en 9,3 millóns de euros, dos que a Deputación achega uns 4,56 millóns de euros, o que supón un 49 % da participación na propiedade. A vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, que foi a encargada de presentar a proposta, explicou que o interese da Deputación para a adquisición do Cine Fraga de Vigo céntrase fundamentalmente no seu potencial como espazo clave para o desenvolvemento das políticas culturais e na súa relevancia como edificio emblemático no contexto histórico e cultural da cidade.
O desbloqueo da proxecto da senda peonil entre Baión e András foi outro dos acordos destacados deste pleno. Por unanimidade saíu adiante o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 entre Baión e András. Un proxecto moi demandado pola veciñanza de Vilanova de Arousa e que xa fora aprobado e adxudicado no ano 2015 para ser cancelado logo durante oito anos e que agora, por fin, farase realidade a través do investimento por parte da Deputación de 962.000 euros. Pola súa parte, o Concello asumirá os gastos das expropiacións, que roldan os 20.000 euros. A actuación centrarase nun treito de 560 metros no que se construirá unha senda peonil que porá fin aos problemas de seguridade que padecía a veciñanza destas localidades desde hai anos
A xornada comezara coa aprobación por unanimidade da segunda prórroga do acordo marco que regula as obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación por un prazo dun ano, a contar desde o vindeiro mes de novembro, e que supón un desembolso de case dous millóns de euros. O contrato está dividido entre lotes correspondentes ás zonas norte, adxudicadas por 665.125 euros á empresa Explotaciones Gallegas SL; centro, adxudicadas á UTE Narom-Udeca, por 738.200 euros; e sur, adxudicadas á Construcciones Fechi por 595.975 euros.
Apoio ao pobo venezolano
Por unanimidade o pleno tamén aprobou a modificación do proxecto para a construción da nova senda peonil no Paseo Naval da Illa de Arousa. Unha actuación financiada con 442.520 euros pola Deputación ao abeiro do plan PON2030, cuxo proxecto tivo que ser modificado por circunstancias que non foron previstas na redacción do mesmo, pero que non supoñen cambios substanciais no obxecto e no financiamento das obras. Así como a resolución do convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para a construción do viario de interconexión entre as rúas Rosalía de Castro e Avenida de Marín, en Mollavao. Un proxecto valorado en 940.000 euros que ía financiar a Deputación ao 100 %, pero que ante a imposibilidade de cumprir os prazos polos retrasos na concesión dos permisos por parte de Costas tivo que resolverse. Con todo, o crédito queda reservado para a sinatura de novos acordos.
A sesión rematou co debate das mocións presentadas polos grupos provinciais. Foi aprobada a moción presentada polo grupo popular co voto favorable dos seus deputados, e o rexeitamento por parte dos do PSOE e o BNG, para a defensa dun sistema de finaciamento xusto e solidario entre as comunidades autónomas, unha proposta na que se demanda ao Goberno central a defensa da igualdade e solidariedade como principios irrenunciables do ordenamento constitucional e do estado autonómico na toma de decisións, a paralización dos avances cara á independencia fiscal dalgúns territorios, a convocatoria da Conferencia de Presidentes Autonómicos para abordar de forma conxunta a renovación do actual sistema de financiamento autonómico, o respecto a autonomía fiscal e as competencias das comunidades autónomas recollidas na Constitución e nos estatutos, a ampliación do montante económico total do sistema autonómico e a garantía da cogobernanza dos fondos da unión Europea.
Tamén saíu adiante co apoio dos populares, a pesar do voto en contra de socialistas e nacionalistas, a moción para que España lidere na Unión Europea o recoñecemento de Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela, condenar a sistemática política de criminalización por parte do réxime de Nicolás Maduro, en contra dos cidadáns que exercen os seus dereitos, esixir ao réxime de Maduro o cesamento inmediato da represión aos opositores, activistas, sindicalistas, xornalistas e demais cidadáns, axilizar a protección da cidadanía venezolana que foxe do país pola opresión política, solicitar á Unión Europea o mantemento das sancións ao réxime de Maduro e recoñecer a situación de emerxencia humanitaria que se está a vivir no país sudamericano.
Pola contra, foi rexeitada a moción do grupo socialista para esixir á Xunta de Galicia o aumento dos importes relativos ao Fondo de Cooperación Local cos Concellos.