— Augas de Galicia destinará 3,6 M€, o 90% do investimento total previsto, mentres que o Goberno municipal asumirá con fondos propios os 0,4 M€ restantes
— Ángeles Vázquez explica que a actuación máis destacada será un tanque de tormentas para reter as augas pluviais antes que cheguen á estación de bombeo
— Ademais, acometerase a renovación dos bombeos de Porto Campelo e Miradoiro e completarase a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento
A Xunta e o Concello de Poio investirán 4,03 millóns de euros nos vindeiros anos para optimizar a rede de saneamento municipal e contribuír, deste xeito, a incrementar a calidade das augas da ría de Pontevedra, reducindo os alivios procedentes deste municipio.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ángel Moldes, asinaron esta mañá o convenio de cooperación que permitirá materializar esta actuación e no que se plasman os compromisos de ambas partes de aquí ao ano 2027.
En concreto, tal e como explicou a responsable autonómica, Augas de Galicia destinará á execución do proxecto máis de 3,6 millóns de euros—fondos cofinanciados pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027)— e o 10% restante —arredor de 402.000 euros— corresponderán ao Concello de Poio.
De todos os traballos previstos, a obra central consistirá na execución dun depósito de retención de auga (tanque de tormentas) previo ao bombeo da Seca, unha infraestrutura clave para optimizar todo o sistema xa que a súa función é almacenar as primeiras augas de chuvia, que son as que arrastran toda a sucidade acumulada nas rúas e no asfalto, e evitar así que se alivien directamente.
A maiores, no marco do mesmo convenio, tamén se renovarán os bombeos de Porto Campelo e Mirador e completarase a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
Tras a sinatura e tendo en conta que o proxecto xa está redactado, a conselleira explicou que o obxectivo do Goberno galego é traballar para poder licitar as obras “antes de que remate o ano”.
Coa execución destas melloras na rede de saneamento de Poio, subliñou, avanzarase no tratamento adecuado das augas residuais da zona e contribuirase á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento sostible da contorna.
Así mesmo, Ángeles Vázquez indicou que á marxe do convenio asinado esta mañá, Augas de Galicia xa ten redactado o proxecto para a construción dun novo bombeo e depósito de retención de recheo no municipio pontevedrés. O importe destas actuacións supera os 3,5 millóns de euros.
Colaboración estreita cos concellos
A colaboración entre Xunta e Concello de Poio enmárcase na estratexia de apoio técnico e económico que mantén desde hai anos Augas de Galicia coas entidades locais —administracións competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración— para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías e a mellorar a calidade duns servizos básicos para a cidadanía.
De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese nos orzamentos do Executivo galego deste ano, cun total de 85 millóns de euros asignados a distintas actuacións de saneamento de augas —incluíndo a explotación de 28 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos— e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.