— Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, ten como obxectivo facilitar o contacto dos galegos e galegas do exterior maiores de 65 anos coa Galicia actual e coas súas familias
— Procedentes de Cuba, Venezuela, O Brasil, A Arxentina ou O Uruguai, durante a súa estadía teñen a oportunidade de participar en diversas actividades de lecer e visitas culturais para reconectar coas súas raíces
— José González agradeceulles o seu papel como embaixadores da galeguidade, transmitindo o legado ás novas xeracións para manter vivo o vínculo coa súa terra
— Lembrou que, no marco da Estratexia Galicia Retorna, o Goberno galego impulsa medidas para promover a integración sociolaboral dos galegos residentes no exterior co obxectivo de fixar poboación e dar resposta ás vacantes do mercado de traballo
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta mañá nunha recepción aos preto de 200 participantes do programa Reencontros con Galicia, procedentes de Venezuela, Cuba, O Brasil, A Arxentina e O Uruguai.
Este programa -que conta con máis de 30 anos de experiencia e se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade- ten como obxectivo facilitar o contacto dos galegos e galegas do exterior maiores de 65 anos coa Galicia actual e coas súas familias. Neste senso, o conselleiro de Emprego sinalou que, aínda que a terra que os recibe hoxe é moi diferente á que deixaron, a esencia e o sentimento de fogar permanecen inalterables, facendo que o regreso sexa sempre especial e emotivo.
Durante a súa estadía, que comezou o pasado día 8 e se prolongará ata este sábado día 19, os participantes están aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón e O Carballiño. Ademais, teñen a oportunidade de participar en diversas actividades de lecer e visitas culturais para reconectar coas súas raíces e coas paisaxes e cidades de Galicia.
José González puxo en valor que moitos deles levan décadas sen regresar e que para a Xunta é un orgullo contribuír a que se reencontren cos seus familiares e a que coñezan de primeira man a Galicia próspera e moderna. Agradeceulles, asemade, o seu papel como embaixadores da galeguidade, transmitindo o noso legado ás novas xeracións para manter vivo o vínculo coa súa terra.
Para a Xunta, a través da Secretaría Xeral da Emigración, é unha prioridade promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia. Ademais, no marco da Estratexia Galicia Retorna, o Goberno galego impulsa medidas para promover a volta dos galegos residentes no exterior. Entre elas destaca o Programa Retorna Cualifica Emprego, cuxo obxectivo é promover en orixe traballos de calidade aos que noutrora emigraron ou aos seus descendentes, con formación específica ao efecto e axudas para establecerse na nosa terra. Así, ao tempo que se aumenta e fixa poboación -especialmente na Galicia rural- dáse resposta ás vacantes existentes no mercado laboral.