A peza, para todos os públicos, poderá verse no auditorio municipal Xosé Casal o próximo domingo 20 de outubro ás 18:00 horas
+Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que espallará unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra leva +Escénicas ata Vila de Cruces coa obra teatral “Abracadaver” a cargo da compañía AsSircópatas. A peza, para todos os públicos, poderá verse no auditorio municipal Xosé Casal o próximo domingo 20 de outubro ás 18:00 horas. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
“Abracadaver” é un espectáculo de circo divertido. Unha terapia de choque para desfacerse dos medos e unha oportunidade para vivir a experiencia do teatro en familia. A través de Rogelio, un entrañable personaxe de ficción ao que dá vida o actor Dani Blanco, AsSircópatas, compañía fundada en 2003, preséntannos esta proposta chea de sustos e bo humor.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.