Cando o PP queira convocar unha manifestación pola Variante, o mal estado da N-640 e os atropelos, alí estará o BNG
O BNG da Estrada leva toda a vida reclamando a Variante e cando tivo ocasión, como recoñecen os deputados do PP que onte estiveron no noso concello, púxoa enriba da mesa para dar o seu voto na investidura de Pedro Sánchez en 2023. Iso nunca o fixo o PP nin ningún dos seus alcaldes. Nunca. De feito, aí están as hemerotecas para recordar cando Ana Pastor en 2015 anunciou nun mitin do PP na Estrada a licitación das obras da Variante. Pois até hoxe.
O BNG leva desde 2020 loitando para acabar co rosario de atropelos na N-640 ao seu paso pola vila. Son tantas as iniciativas e as preguntas dirixidas ao goberno español sobre este asunto, que encheríamos varias páxinas cos textos e sobre todo coas decepcionantes respostas. Nunca até onte o PP amosou preocupación algunha por estes atropelos, nen sequera cando algún deles tivo como resultado o falecemento dun veciño da Estrada e nen sequera cando había un deputado electo do PP no Congreso do noso concello.
E tamén desde o BNG da Estrada tamén denunciamos o pésimo estado da N-640 ao seu paso polo noso concello, mais non só, xa que son moitos os veciños e veciñas que sofren as fochancas ao seu paso por Caldas de Reis, Cuntis ou Silleda.
Po iso, desde o BNG consideramos que a performance do alcalde e de cargos deste partido foi un paripé para contrarrestar o éxito ca concentración contra a eliminación da Farola da praza que lle dá nome. Por outra parte, xa lle anunciamos ao Partido Popular e en especial ao alcalde Gonzalo Louzao, que cando queira convocar unha manifestación pola Variante, o mal estado da N-640 e os atropelos, alí estará o BNG. Non teremos reparo en compartir pancarta porque consideramos que estas demandas son boas para os veciños e veciñas.