Prevese construír unha rotonda na intersección coa DP-1202 para moderar a velocidade do tráfico e permitir todos os movementos, en especial para o tráfico que se dirixe ou procede de Vedra e Pazos
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, avanzaron hoxe na habilitación dunha rotonda que mellore a seguridade viaria na estrada N-525 ao seu paso por Lestedo. Foi no marco dunha reunión que mantiveron esta mañá na Delegación do Goberno e na que tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o xefe da Demarcación de Estradas de Galicia, Ángel González del Río.
Durante a reunión informouse ao Concello de Boqueixón das previsións de mellora da seguridade viaria na actual intersección existente no PK 327+860 da N-525 coa estrada provincial C-1202 e a estrada municipal que discorre cara o campo de fútbol e o Pico Sacro, na travesía de Lestedo. Un punto onde o Concello de Boqueixón leva anos reclamando a construción dunha rotonda que permita todos os movementos de tráfico e facilite unha moderación das velocidades neste punto, polo que xa non sería preciso instalar o semáforo solicitado polo Concello.
Uns problemas que Ovidio Rodeiro xa lle trasladara sobre o terreo ao delegado do Goberno durante unha visita realizada o pasado mes de abril á zona, na que puideron comprobar os problemas derivados da nova sinalización horizontal levada a cabo polo Ministerio de Fomento na intersección da N-525 coa C-1202 e a estrada municipal cara o Pico Sacro, prohibindo tanto o xiro á esquerda en dirección Santiago-Ourense como atravesar a N-525 desde a C-1202 cara o Pico Sacro e viceversa. Isto prexudica especialmente aos veciños das aldeas de Milleirós e Vilar, que vén dificultado o acceso ás súas vivendas, e supón tamén incomodidades tanto para os milleiros de visitantes do Pico Sacro como para os condutores que cada día atravesan Lestedo desde ou cara Vedra e Pazos.
Para solucionar o problema, o Concello de Boqueixón solicitara en novembro de 2021 a construción dunha glorieta na N-525, proposta da que xa está redactado un proxecto orzamentado nuns 250.000 euros e que ten que ser sometido ao trámite de información pública.
No encontro tamén se abordou o interese do Concello de Boqueixon en adquirir a antiga casa de peóns camineros situada no P.K. 331+540 da N-525, na zona de Sergude. Este inmoble, xestionado na actualidade polo MITMS, atópase en trámite de inscrición rexistral como paso previo á súa desafectación e cesión ao Concello para fins públicos.