O Concello dispón xa do proxecto e estudo topográfico previo ao inicio da obra
O Concello de Vilaboa conta xa co proxecto e o estudo topográfico necesario para acometer a nova fase de recuperación da contorna do Forno do Cal tras conseguir unha nova achega económica a través do GALP Ría de Vigo-A Guarda que supón o 94% do coste total. O orzamento total da actuación supera os 200.000 euros dos que o Concello asumirá 20.754 euros.
Os traballos na Punta Travesada comezarán coa eliminación da zona de escombrera, transformando os cascallos e restos de obra acumulados pola remodelación da N-554 en materiais reciclados que servirán de base para o acondicionamento do acceso, de novos camiños e dunha ampla praza diante do Forno do Cal. Esta primeira actuación conleva un maior aproveitamento da entrada gañando espazo para zona de estacionamento garantindo unha maior seguridade viaria.
Será tamén no 2025 cando se executen os traballos e se elaboren audioguías que tamén se almacenarán na web do Concello con información que divulgue a actividade industrial dun forno con certas particularidades como o feito de que a mercancía para facer a cal chegáballe por mar para lograr unha produción intensa destinada sobre todo á construción.
A posta en valor do Forno do Cal comezou no ano 2022 coa recuperación deste elemento singular do patrimonio industrial de Vilaboa, un entorno que hoxe é xa escenario de encontros e actividades de reunión coa veciñanza, ademáis dun elemento de alto valor didáctico co que traballan os centros escolares do municipio.
A recuperación deste entorno forma parte dun ambicioso proxecto no que o Concello contou coa colaboración da empresa Pesca Puerta propietaria da parcela, e coa Comunidade de Montes de San Adrián que cedeu os terreos que agora permitirán o acondicionamento da zona que vai desde a Ponte de Rande ata a Punta da Travesada.
Tanto para o alcalde de Vilaboa, César Poza, como para a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, a posta en valor deste espazo supón unha das prioridades en materia patrimonial para este mandato.