Home Xunta de Galicia Galicia aposta por dar máis vos ás rexións no proceso lexislativo comunitario...

Galicia aposta por dar máis vos ás rexións no proceso lexislativo comunitario para que poidan anticiparse aos retos de futuro

- Anuncio -

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu en Varsovia á 11ª Conferencia sobre a Subsidiariedade do Comité Europeo das Rexións


—Jesús Gamallo encargouse de defender a prospectiva estratéxica como ferramenta diferenciada para lexislar mellor nas rexións, que non consiste en predicir o futuro senón en prepararse para el máis alá do horizonte político inmediato

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na 11ª Conferencia sobre a Subsidiariedade do Comité Europeo das Rexións (CdR), organizada conxuntamente co Grupo Director sobre a Mellora da Lexislación e a Subsidiariedade Activa (BRASS-G), co título Lexislar mellor e subsidiariedade activa: claves para unha UE eficaz.

Gamallo defendeu a prospectiva estratéxica como ferramenta diferenciada para lexislar mellor nas rexións. A súa principal diferenza é que profunda nas tendencias a longo prazo, nas incertezas e nos escenarios alternativos. Estes métodos, explicou o director xeral, permiten aos responsables da toma de decisión ir máis alá do horizonte político inmediato e tomar mellores decisións políticas a longo prazo. O punto clave, concluíu Gamallo, é que a prospectiva estratéxica non consiste en predicir o futuro, senón en prepararse para el.

O director xeral apostou, ademais, pola subsidiariedade activa e a proporcionalidade como elementos claves da lexitimidade democrática, esenciais, ademais, para acadar os obxectivos de cohesión territorial, social e económica. Os principios de subsidiariedade e proporcionalidade establecen, por un lado, que a Unión Europea unicamente actúa cando a súa intervención sexa más eficaz que a emprendida a nivel local, rexional ou nacional e, por outro, que esta debe ser proporcional aos obxectivos dos tratados.

Galicia e o resto de rexións apostan por que se aproveite o novo ciclo institucional comunitario para impulsar que esta subsidiariedade sexa activa. É dicir, que se dea máis voz ás autoridades locais e rexionais –especialmente, no proceso lexislativo– para garantir que se respectan estes principios e, polo tanto, non se vexan limitadas as competencias dos gobernos locais e rexionais.

Galicia apoiou un ditame no pleno do CdR do pasado xuño, no que se expresa a vontade das rexións a ter unha maior participación no proceso lexislativo europeo. De feito, deféndese que a lexislación debería ter unha base máis local e rexional, con máis instrumentos de consulta neses ámbitos, para o que se reclama o apoio da Comisión Europea. O documento advirte, ademais, que a gobernanza multinivel e a subsidiariedade activa serán necesarias para o futuro da democracia europea. Todo isto –engade o ditame– nun contexto de inestabilidade xeopolítica e transición ecolóxica e dixital, sen descoidar a competitividade económica e a resiliencia.

Xunto ao impulso á subsidiariedade activa, Galicia apoia no marco do CdR a posta en marcha dun Programa de Mellora da Lexislación coordinado e eficaz, para construír unha plataforma de subsidiariedade única, con carácter interinstitucional, que actuaría como un comité consultivo de expertos en relación coa aplicación da subsidiariedade e a proporcionalidade.

Galicia no Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Recursos Naturais (NAT).

Relacionadas

Diego Calvo asistiu na Coruña ao evento Brazada solidaria Móllate pola diabetes

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe na Coruña ao evento Brazada solidaria. Móllate pola diabetes, enmarcado no foro Diabetes...

A Xunta iniciará esta vindeira semana traballos de limpeza e roza nas marxes da...

0
― Ademais, proseguirase con estas tarefas noutras 7 vías autonómicas, no seus percorridos polos municipios de Crecente, Moaña, Cangas, Teo, Narón, San Sadurniño, O...

A Xunta concede máis de 72 M€ para realizar máis de 1.500 cursos das...

0
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xa comezou a notificar as entidades beneficiarias deste programa 2024-2025 que busca flexibilizar a oferta formativa para...

José González destaca o compromiso da Xunta coa comunidade galega en Suíza e realza...

0
― Remarcou a implicación da Xunta cos galegos do exterior, uns días despois de pedir ao Goberno de España que elimine as desigualdades que...

Rueda destaca o compromiso da Xunta cos novos creadores e con impulsar proxectos culturais...

0
— Asegura que ferramentas coma as residencias artísticas son “motores” para garantir “o futuro” do sector cultural — A Xunta poñerá en marcha nos vindeiros...

Rueda destaca a figura de Antonio Palacios coma embaixador de Galicia a través do...

0
— Resalta que sempre “exerceu e reivindicou a súa condición de galego” — Salienta a importancia da arquitectura que crea “a identidade” e dá “carácter”...

Publicacións Relacionadas