HomeA CoruñaA Xunta investirá 6,1 M€ na Costa da Morte en materia de...

A Xunta investirá 6,1 M€ na Costa da Morte en materia de augas e a mellora do seneamento de Malpica será unha das principais actuacións na comarca

- Anuncio -spot_img

— Ángeles Vázquez detalla que o vindeiro ano Augas de Galicia destinará 68,1 millóns de euros a iniciativas en materia de saneamento


— Avanza que no primeiro semestre de 2025 se licitará o proxecto para construír unha nova estación depuradora de augas residuais no lugar de Beo

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta de Galicia investirá 6,1 millóns de euros na Costa da Morte en materia de augas e fixo fincapé en que a mellora do saneamento de Malpica de Bergantiños será unha das actuacións principais na comarca.

Durante a súa visita de hoxe a esta localidade coruñesa, a conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir avanzando cara a un uso eficiente da auga e a reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia chega aos 144 millóns de euros, preto dun 5% máis que en 2024, para seguir optimizando estes servizos coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático. E, máis polo miúdo, Ángeles Vázquez detallou que se destinarán 68,1 millóns de euros a iniciativas en materia de saneamento.

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que unha das principais actuacións a levar a cabo será a mellora do saneamento no lugar de Beo, no Concello de Malpica de Bergantiños. Cómpre lembrar que esta iniciativa xa foi considerada como unha prioridade na reunión que a conselleira mantivo co alcalde da localidade o pasado mes de xuño.

Así, a previsión é licitar no primeiro semestre de 2025 as obras deste proxecto, que conta cun orzamento inicial estimado de 1 millón de euros. A iniciativa inclúe a instalación de colectores de saneamento e a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais así como a renovación das redes pluviais e os pavimentos das rúas e camiños da contorna.

A maiores, a conselleira incidiu en que a estratexia de impulso ao tratamento das augas chegará tamén aos núcleos rurais, con investimentos en 2025 de 13 M€ para dotar distintas áreas das catro provincias galegas de servizos de saneamento e abastecemento equivalentes aos dos grandes concellos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como buscando solucións innovadoras coas que atender as necesidades dos pequenos núcleos de poboación ou zonas dispersas.

Publicacións Relacionadas