Os beneficiarios, de doce concellos diferentes, gozarán dunha estancia de seis días e cinco noites nun dos sete establecementos dispoñibles en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a relación de persoas admitidas no programa de termalismo social +Benestar, a través do cal preto de 270 veciñas e veciños maiores de 55 anos de doce concellos da contorna do Salnés e Arousa poderán desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia. O obxectivo desta iniciativa, tal e como detallou o presidente provincial, é facilitar o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar o sector turístico durante os períodos de menor actividade.
En concreto, estas 267 persoas trátanse de 49 veciñas e veciños da Illa de Arousa, 33 de Cambados, 12 de Catoira, 56 de Meaño, 7 de Meis, 7 do Grove, 2 de Pontecesures, 6 de Ribadumia, 27 de Sanxenxo, 9 de Valga, 47 de Vilagarcía e 12 de Vilanova de Arousa. En total, o programa, que arranca este domingo 3 de novembro coas primeiras saídas, ofrece estancias de seis días e cinco noites nun establecemento termal para as preto de 2.200 persoas empadroadas na provincia que se beneficiarán de +Benestar.
O programa de termalismo da Deputación desenvólvese en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa). Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día; e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.