O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 2.600 e os 6.600 euros e permitirán poñer en marcha proxectos de inserción laboral, apoio a persoas con alzhéimer ou con discapacidade ou, entre outros, iniciativas de envellecemento activo
A Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de 35.000 € para que nove entidades sen ánimo de lucro de tres concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes poidan realizar actuacións no ámbito social. En total, as axudas oscilan entre os 2.600 e os 6.600 euros para financiar proxectos de inserción laboral, apoio a persoas con alzhéimer ou con discapacidade ou, entre outros, iniciativas de envellecemento activo.
O presidente, Luis López, remarcou o compromiso do Goberno provincial coas persoas máis vulnerables “poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida” e remarcou a vontade de “integrar ás persoas da provincia que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, para que todos os habitantes teñen acceso ás mesmas oportunidades”. Neste eido, destacou o éxito da convocatoria, que este ano chega a 114 entidades de 23 concellos da provincia, que recibirán achegas de entre 1.000 e 6.600 euros e que beneficiarán a unhas 5.000 persoas de forma directa e 15.000 indirecta.
Nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, no concello da Estrada A.M.I.C.O.S. recibe 6.082 €, a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer (AGADEA), 6.641 €, e a Asociación Itinera de Voluntarios en Saúde Mental, 2.996 €. Ademais, en Lalín a Asociación de Familiares e Enfermos Mentais Morea recibirá 3.596 €, a Asociación Aspadeza 3.384 €, a Asociación Carabelo 2.613 €, a Asociación de Voluntariado O Mencer, 3.640 €, e a Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e a súa Comarca, 3.884 €, e en Silleda a Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca do Deza contará con 2.922 €.