O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 2.900 e os 5.000 euros e permitirán poñer en marcha proxectos de apoio a persoas con diferentes enfermidades ou en risco de exclusión social ou, entre outros, iniciativas relacionadas coa musicoterapia
A Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de máis de 30.000 € para que oito entidades sen ánimo de lucro de Bueu e Cangas poidan realizar actuacións no ámbito social. En total, as axudas oscilan entre os 2.900 e os 5.000 euros e permitirán financiar proxectos de apoio a persoas con diferentes enfermidades ou en risco de exclusión social ou, entre outros, iniciativas relacionados coa musicoterapia.
O presidente, Luis López, remarcou o compromiso do Goberno provincial coas persoas máis vulnerables “poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida” e remarcou a vontade de “integrar ás persoas da provincia que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, para que todos os habitantes teñen acceso ás mesmas oportunidades”. Neste eido, destacou o éxito da convocatoria, que este ano chega a 114 entidades de 23 concellos da provincia, que recibirán achegas de entre 1.000 e 6.600 euros e que beneficiarán a unhas 5.000 persoas de forma directa e 15.000 indirecta.
En Bueu, a Asociación Párkinson da Provincia de Pontevedra recibirá 4.963 euros, mentres que en Cangas serán sete as entidades que se beneficiarán de achegas desta convocatoria. A Asociación AGAELA contará con 4.714 €, a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Psíquica (ASPAMSIM) con 3.200 €, a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama con 4.890 €, a Asociación de Caridade Santiago Apóstol con 4.000, a Asociación Vida Digna Morrazo con 3.775 €, a Asociación O Son do Pobo con 4.264 € e a Asociación Xuvenil Cultural Staccato con 2.894 €.