O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou na sesión en Xordania, onde se abordaron cuestións como a axenda estratéxica euromediterránea, a resiliencia hidrográfica, a loita contra o cambio climático e a transición enerxética ou o diálogo intercultural
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nas reunións do buró político e da sesión plenaria da Asemblea Rexional Euromediteránea (ARLEM) en Xordania, onde sumou o apoio ás mostras de solidariedade coas persoas afectadas pola DINA. Os participantes uníronse cun minuto de silencio á consternación de Galicia ante a catástrofe.
A ARLEM está formada por representantes locais e rexionais da Unión Europea e dos seus socios mediterráneos. Foi creada en 2010 polo Comité Europeo das Rexións (CdR) para que estes actores da UE e os seus homólogos da Unión polo Mediterráneo (UpM) manteñan diálogos políticos e promovan a cooperación interrexional. Así, na xuntanza, o director xeral apostou pola cooperación entre ambas ribeiras do mediterráneo en áreas como a loita contra o cambio climático e a transición enerxética, o diálogo intercultural e as políticas de xuventude, entre outras cuestións.
No encontro celebrado estes días en Xordania abordáronse asuntos como as recomendacións políticas de ARLEM para 2025, ademais de cuestións máis específicas como a axenda estratéxica euromediterránea no actual contexto xeopolítico ou a resiliencia hidrográfica da rexión, xunto á loita contra o cambio climático e a transición enerxética ou o diálogo intercultural. A cita culminou coa cerimonia dos premios da Asemblea, que recoñecen o emprendemento da mocidade no ámbito local mediterráneo.
Galicia no CdR
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Recursos Naturais (NAT).