O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou esta tarde na clausura do I Congreso Internacional CREA, organizado pola vicerreitoría de Pontevedra da Universidade de Vigo e co que colabora a Deputación cunha axuda de 20.000 euros. A cita reuniu no Campus de Pontevedra nos últimos dous días a investigadores e profesionais internacionais vinculados ás belas artes, o deseño, a comunicación e a educación, co obxectivo de “situar a Pontevedra como cidade creativa de referencia, exercendo como motor de investigación ao redor da creatividade”.
O vicepresidente provincial quixo mostrar o apoio da Deputación á Universidade e a este tipo de citas: “Para nós é prioritario estar ao carón das institucións educativas da nosa provincia, como a Universidade de Vigo, que tanto nos referencia”, asegurou o vicepresidente provincial, que lembrou que a institución principal aporta 55.000 euros para a especialización do Campus CREA. “O noso obxectivo é fomentar o coñecemento, favorecer unha mellor atención ao alumnado, á investigación e a grandes proxectos que permiten referenciar á universidade”, confirmou Domínguez.