Alternativa dos Veciños apoia a manifestación pola lingua que terá lugar o vindeiro domingo 17 de novembro ás 12:00 horas na Praza da Quintana en Santiago de Compostela.
Tras coñecer os novos datos que poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística do galego con niveis de descoñecemento e emprego inéditos na historia da lingua, Alternativa dos Veciños apoiará a convocatoria da manifestación a favor do noso idioma e da súa normalización prevista para o vindeiro 17 de novembro en Santiago.
Baixo o lema “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva”, desde a plataforma cidadá, formada por máis de 600 entidades; reclamaranse accións a favor do galego en todos os ámbitos para reverter a situación de emerxencia lingüística pola que está a atravesar a lingua de Rosalía de Castro.
A hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta no ensino, no lecer infantil e xuvenil, na administración, xustiza, na televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas; xerou un dos peores resultados de usos da lingua propia dos galegos e galegas.
Neste sentido, o compromiso de Alternativa dos Veciños coa lingua, cultura, tradicións e historia propia de Galicia segue máis vixente ca nunca polo que apoiará a manifestación convocada por Queremos galego! onde se solicitarán como medidas urxentes a derrogación do decreto 79/2010 e a aprobación doutro que asegure os máximo niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas, así como a inmediata oferta de materiais didácticos para todas as etapas do ensino; asegurar a pleno dereito de uso e atención en galego en todo tipo de servizos, cultura e lecer; recuperar o papel normalizador da TVG (ampliando a oferta para público infantil e xuvenil adaptada), potenciar as artes escénicas e musicais en galego e produción en galego, fortalecer o sistema literario e editorial, fomentar a utilización da lingua galega en actividades deportivas, de tempo libre e extraescolares; e fortalecer e implementar o uso habitual do galego na administración pública (incluíndo servizos privatizados dependentes, disposición da opción en galego en programas informáticos, información, formularios, impresos…) e na atención en todas as súas formas con obrigatoriedade de coñecemento do galego por todos/as os/as traballadores/as públicos/as.