• O Concello informa de que a cita será o vindeiro sábado, 9 de novembro, na Praza da Constitución, cunha programación que inclúe degustacións de castañas, espectáculos e actividades para as crianzas e actuacións musicais
Un ano máis, a Praza da Constitución acollerá unha das festas máis tradicionais do outono, como é o magosto, que, neste caso, terá tamén un espírito solidario. O Concello de Cuntis informa de que se habilitará durante a celebración, que terá lugar o vindeiro sábado, 9 de novembro, un punto de recollilda de produtos de primeira necesidade, destinados ás persoas damnificadas nas zonas devastadas pola dana que asolou a diferentes localidades da Comunidade Valenciana. Deste xeito, os e as asistentes á festa poderán facer entrega de artigos de limpeza, hixiene, auga ou alimentos non perecedoiros. Este punto de recollida súmase ao que xa se habilitou hai varios días no Pavillón Municipal, co mesmo obxectivo, e que xa recibiu un importante número de doazóns. O alcalde, Manuel Campos, agradece e salienta “a implicación, o compromiso e o carácter solidario do noso pobo”.
Con respecto ao magosto, a cita contará cunha programación do máis variada, na que a música, as actividades para as crianzas e a gastronomía serán grandes protagonistas. Rudi Dudi, co seu espectáculo infantil, iniciará a festa ás 12.30. Posteriormente, desde as 13.00 horas, haberá posibilidade de consumición de tapas, callos e castañas elaboradas. Tamén se ofertará para levar e as reservas pódense realizar chamando ao 699901141. Pola tarde, ás 17.00 horas, organizaranse obradoiros para as crianzas, así como unha chocolatada e actuacións musicais. Durante toda a xornada, asemade, haberá postos habilitados na Praza da Constitución de filloas, dóces e castañas.
A partires das 19.00 horas haberá unha degustación gratuíta de castañas asadas e, pouco despois, dará comezo unha actuación musical a cargo da Banda de Acordeóns de Cuntis e das Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).