― Ángeles Vázquez pon como exemplo a coordinación establecida entre MeteoGalicia e Augas de Galicia para predicir con maior precisión, de forma continua, automática e en tempo real o risco de inundación ou episodios de seca
― O modelo Merlín mide tanto as previsións hidrolóxicas -metros cúbicos de auga dos ríos- como as hidráulicas, que estiman a tres días vista ata onde poden chegar as enchentes segundo o nivel do caudal estimado
― Augas de Galicia reserva para o ano 2025 unha partida de 12,9 millóns de euros para incrementar a resiliencia hídrica fronte ao quecemento global e, desa contía, 2,7 millóns de euros destinaranse a mellorar o mapeo do risco climático
― Galicia rexistrou un mes de outubro moi cálido e moi húmido, segundo o avance climatolóxico elaborado por MeteoGalicia
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático expón o seu sistema de coordinación para prever e actuar ante eventos meteorolóxicos adversos ao alumnado e á cidadanía.
Durante a visita que realizou hoxe ás instalacións de MeteoGalicia, xunto cun grupo de estudantes de 4º curso do Grao de Química da Universidade de Santiago de Compostela, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou o traballo que está a desenvolver o Goberno galego para ser un territorio cada vez máis preparado para afrontar os riscos derivados do cambio climático como inundacións ou episodios de seca.
Nesa liña, a conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, puxo como exemplo a coordinación establecida entre MeteoGalicia e Augas de Galicia para predicir con maior precisión, de forma continua, automática e en tempo real o risco de inundación e identificar as zonas máis vulnerables.
Así, as previsións de choiva do modelo atmosférico de MeteoGalicia serven de entrada para o modelo Merlín, que é un sistema de alerta temperá de riscos de inundacións na demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Esta iniciativa foi desenvolvida por Augas de Galicia, en colaboración coa Universidade da Coruña, co obxectivo de prever o posible desbordamento dos ríos na conca de competencia autonómica.
Deste xeito, en base ás predicións de MeteoGalicia e da Aemet, Merlín mide tanto as previsións hidrolóxicas -metros cúbicos de auga dos ríos- como as hidráulicas, que estiman a tres días vista ata onde poden chegar as enchentes segundo o nivel do caudal estimado. Máis polo miúdo, na actualidade, esta ferramenta proporciona predición hidrolóxica nun total de 53 puntos e hidráulica en 14 áreas de risco potencial significativo de inundación.
Logo de indicar que no que vai de ano Augas de Galicia elaborou 36 informes do Merlín, sen que se rexistrase ningún aviso de alerta, a conselleira explicou que cada día se avalían os modelos e, no caso de que os niveis de caudal superen un determinado limiar, se traslada o correspondente aviso a Protección Civil, que é o responsable tanto de mobilizar os medios humanos e materias precisos como de alertar á poboación se fora necesario.
A maiores, Ángeles Vázquez engadiu que Augas de Galicia reserva para o ano 2025 unha partida de 12,9 millóns de euros para incrementar a resiliencia hídrica fronte ao quecemento global e, desa contía, 2,7 millóns de euros destinaranse a mellorar o mapeo do risco climático. O obxectivo é identificar as zonas climaticamente máis vulnerables para avanzar na planificación de episodios de seca e inundacións.
MeteoGalicia
E, nesa aposta por consolidar a Comunidade como un referente na loita contra o cambio climático, a conselleira avogou pola concienciación da sociedade. Nese senso, logo de incidir en que MeteoGalicia é unha entidade de referencia e consulta para a cidadanía, puxo en valor o papel divulgativo das sesión formativas que leva a cabo e nas que participaron preto de 29.500 alumnos desde o ano 2006.
Ademais, durante a súa visita ás instalacións de MeteoGalicia, Ángeles Vázquez coñeceu o avance do informe meteorolóxico elaborado pola entidade sobre o pasado mes de outubro, que foi moi cálido e moi húmido.
A temperatura media alcanzou en outubro os 16,2 graos e unha anomalía media de 1,7 graos superior ao habitual, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas. Para a temperatura máxima -19,9 graos-, cunha anomalía de 0,6 graos máis que o normal nestas datas, o mes considérase cálido e para a mínima -12,7 graos-, cunha anomalía de 2,7 graos, extremadamente cálido. No caso das precipitacións, a media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas acadou os 290 l/m, un 53 % superior ao valor climático normal.