A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores na presentación do IV Festival de Órgano de Vigo 8pés, organizado pola Orquestra Clásica de Vigo e co que pon en valor o único órgano activo da cidade, que se atopa na Concatedral de Santa María e foi construído por Alberdi en 1909. Entre o 20 e o 23 de novembro esta cita permitirá desfrutar de grandes músicos de referencia do panorama musical estatal e incluso internacional. “Unha cita como esta non podía ser noutro lugar que non fora Vigo, porque esta cidade respira música e cultura polos catro costados”, asegurou a vicepresidenta provincial, que lembrou que, ademais dos concertos, o festival contará con diferentes actividades, como as conversacións sobre o órgano, que se celebrarán na Sede de Vigo da Deputación.
A vicepresidenta aproveitou a ocasión para poñer en valor un evento que “xa se converteu nunha cita ineludible do outono cultural de Vigo e que chega á súa cuarta edición avalada por un grande éxito de público”. Luisa Sánchez remarcou ademais o apoio da Deputación “para que a nosa escena cultural estea en bo estado de saúde, porque cremos firmemente en que a cultura é un dos aspectos que máis contribúen ao desenvolvemento dunha sociedade”.