— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes avogou no Parlamento pola necesidade de que institucións, entidades empresariais, autoridades portuarias e outros actores do tecido social e económico de ambos lados da fronteira se sumen a esta reclamación, como xa se fixo coa sinatura en xullo dun manifesto a favor desta conexión
— Diego Calvo avanzou que a Xunta impulsará un acto que reúna a institucións públicas e axentes económicos e sociais para pedir ao unísono os avances nas actuacións para a saída sur de Vigo, ao tempo que insistiu na necesidade dunha planificación de investimentos e un calendario de actuacións
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou hoxe no Parlamento galego que a Xunta impulsará un acto que reúna a institucións públicas e a representantes do tecido económico e social para reivindicar xuntos ao Goberno central os avances na saída sur de Vigo e as demais infraestruturas pendentes para cumprir os compromisos da conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal.
Así, preténdese impulsar unha fronte común con institucións, entidades empresariais, autoridades portuarias e outros actores do tecido social e económico de ambos lados da fronteira como xa se fixera o pasado xullo coa sinatura dun manifesto a favor desta conexión na localidade portuguesa de Valença do Minho.
Diego Calvo destacou a importancia de que se unan forzas ao redor desta reclamación, que considerou de xustiza, para o que urxe que o Executivo estatal defina un plan de investimentos e un calendario de actuacións co obxectivo de impulsar a liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa.
Lembrou que esta é unha infraestrutura que xa foi considerada prioritaria en distintas cimeiras ibéricas entre España e Portugal e, nesta liña, incidiu tamén en que mentres o Goberno portugués sempre apostou claramente pola conexión entre Vigo e Porto, o de España demostrou tanto falta de interese por axilizar os trámites como falta de implicación orzamentaria que permitan o avance das obras da parte española.
O conselleiro de Presidencia sinalou que, co actual estado da tramitación, as obras da saída sur de Vigo non estarían rematadas e non sería posible cumprir co obxectivo de que a conexión sexa unha realidade en 2032.
A isto habería que engadir o treito entre O Porriño e a fronteira portuguesa sen avances significativos desde hai anos e con estudos parados dende 2011, ademais da necesidade de negociación entre os dous Estados para a construción e financiación da nova ponte internacional.
Por outra parte, Diego Calvo explicou que mentres o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vén de comprometerse a investir máis de 7.000 millóns no Corredor Mediterráneo, a Xunta segue sen coñecer a planificación “real e detallada” do Corredor Atlántico.
Sinalou que ata agora só se teñen identificados 900 millóns de euros investidos por Adif e, ademais, os 4.700 millóns propostos polo Goberno central para esta infraestrutura estarían moi lonxe dos case 8.000 millóns dos estudos previos de Galicia, Asturias e Castela e León, que fan fronte común para reclamar esta conexión. “Galicia non quere ser máis que ninguén pero tampouco menos no que se refire aos servizos ferroviarios”, engadiu o conselleiro de Presidencia.