O xurado deu a coñecer esta mañá o fallo sobre o proxecto de reforma integral do edificio histórico e da súa contorna
O equipo gañador, ademais de recibir o premio económico de 48.400€, será adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da obra
O vindeiro sábado 9 de novembro terá lugar en Pontevedra o acto de entrega de premios aos finalistas do concurso promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera)
A Xunta conta cun orzamento estimado de máis de 17 millóns de euros para unha obra que prevé comezar no próximo ano para rematar a rehabilitación deste edificio histórico en 2027
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra acaba de participar como vogal no concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán que gañou por unanimidade a UTE formada por Estudio Carme Pinós SLP e Carles Enrich Studio SLP co lema Xard1n 2.0. Así o deron a coñecer os membros do xurado tras realizar esta mañá a apertura das plicas que contiñan a relación de premiados no concurso de ideas promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera).
“Trátase dunha gran noticia para Pontevedra que o presidente Rueda abandeire a recuperación do Pazo de Lourizán, un déficit histórico que tiña a cidade xa que levaba anos abandonado e con este goberno da Xunta de Galicia vai saír adiante”, remarcou Rafa Domínguez. O vicepresidente felicitou aos arquitectos Pinós e Enrich, que “apostaron por manter a tradición do edificio e darlle unha predominancia aos xardíns, que van ser fundamentais neste proxecto de rehabilitación no que a luz, o verde e o ecolóxico vai ser moi importante”, e asegurou que “os pontevedreses van quedar moi contentos cando vexan o proxecto e coñezan como se vai rehabilitar o Pazo de Lourizán”.
A proposta do equipo gañador, baixo o lema XARD1N 2.0, obtivo unha puntuación de 90 sobre 100 e céntrase nunha idea do xardín coma o fío narrador arredor do cal vertebrar o proxecto. Isto, manifestan os membros do xurado, é unha idea que forma parte da esencia da Finca de Lourizán desde a súa orixe e que, neste caso, permite atopar o equilibrio necesario entre natureza e arquitectura facilitando novos usos na súa contorna.
O equipo gañador, ademais do premio económico de 48.400€, será adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da obra, así como, de ser o caso, para a súa dirección. A UTE Pinos-Enrich está formada por dous estudios de arquitectura de prestixio cun currículo que presenta obras como a ampliación do Mercado da Boquería (Barcelona) ou rehabilitación do Hotel-Spa Son Brull en Mallorca, que mereceron premios nacionais e internacionais coma o Premio Nacional de Arquitectura 2021 ou o Premio Arnold W. Brunner da American Academy of Arts and Letters.
O segundo premio de 24.200€ foi para a proposta co lema BUXUS 117 presentada polos estudios de Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez, Francisco González Varela e María Fandiño González, que obtivo unha puntuación de 84 sobre 100 cun deseño arquitectónico que primaba a certificación ambiental e a eficiencia enerxética. Este equipo tamén presentou un meritorio currículo con obras como a construción do edificio institucional e de I+D da Universidade de Vigo na Ribeira do Berbés.
O seguinte proxecto clasificado, que recibe un premio de 18.150€, resultou LALOP 123 do equipo formado por MGM Morales de Giles SLP, Irisarri Piñeira SL, OLA Arquitectura SLP e García Fontán, quen xa realizara obras como a rehabilitación dos catro edificios para a Sede dos Rexistros da Propiedade en Vigo. Máis alá dos tres primeiros premios, o certame concede accésits de 12.100€ para os finalistas restantes.
O vindeiro sábado 9 de novembro terá lugar en Pontevedra o acto de entrega de premios aos sete finalistas do concurso. Ademais, os sete proxectos arquitectónicos que chegaron a esta fase final, formarán parte dunha exposición aberta ao público que se inaugurará o próximo xoves 14 de novembro na cidade de Pontevedra.
A Xunta conta cun orzamento estimado de máis de 17 millóns de euros ata 2026 para o proxecto de reforma integral do Pazo e a súa contorna. A súa previsión é comezar as obras o vindeiro ano 2025 para rematar a rehabilitación deste edificio histórico en 2027.