• A Consellería de Cultura, lingua e Xuventude a través da Dirección Xeral de Xuventude vén de conceder 25.000€
• O Pontea Interxeracional recoñece a experiencia das persoas maiores en ámbitos produtivos
A Consellería de Cultura, lingua e Xuventude a través da Dirección Xeral de Xuventude vén de conceder 25.000€ ao Concello de Ponteareas para o proxecto “Pontea Interxeracional” que desenvolve a Oficina Municipal de Voluntariado.
Esta subvención premia a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
O Pontea Interxeracional recoñece a experiencia das persoas maiores en ámbitos produtivos amosándolla á xuventude para prolongar a súa sabedoría e non deixar que se perdan estes coñecementos. O proxecto favorece o enriquecemento persoal, social e laboral da mocidade ponteareán abríndolle novas perspectivas e oficios que poden ser unha opción para desenvolver a súa vida laboral na vila.
O Pontea Interxeracional deseña estas actividades tendo en conta tres eixos, o turístico, a cohesión tecnolóxica e dixital e a protección do medio ambiente. “Unha localidade que amose tradición e innovación será capaz de potenciar o seu desenvolvemento económico. As accións deben ser deseñadas con amplitude de perspectivas que se nutran entre elas. Así as nosas profesións, señas de identidades ou patrimonio e medio ambiente poden ser un potente atractor turístico”, subliña a alcaldesa Nava Castro.
Segundo Cristian Montes, concelleiro de Xuventude, Ponte Interxeracional visibiliza e potencia os oficios tradicionais “porque ademais de darlles relevancia e contribuír a mellorar a imaxe e valor destas profesións poden ser un importante reclamo turístico por iso dende o Concello queremos contribuír dando medios, formación e facilitando as relacións interxeracionais entre veciños e veciñas. Ao tempo, Ponte Interxeracional suscita, a través do coñecemento, o interese da xuventude podendo posibilitar un relevo xeracional dos oficios”.
Entre as actividades realizadas están tarefas medioambientais/ etnográficas, apicultura con Mel O Puño en Cristiñade; cestería de vimbio e de ratán con Suso e Rocío; cociña e repostería tradicional nos Muíños de Oliveira con Paco; imaxe e son con Caros; patronaxe e costura con José; recollida de plantas aromáticas e mediciñais para facer xabróns e aceites mediciñais con Ana Belén e tarefas relacionadas coa arte alfombrista de Ponteareas e a veciñanza do rural.