Anabel Gulías: “A milla é un acto de visibilización dunha realidade que pasa desapercibida e unha reivindicación do deporte como piar do benestar”.
O CGTD acolle este domingo a cita deportiva que inclúe probas populares e federadas e que ten máis de 400 inscritos/as
As pistas do CGTD acollerán o vindeiro domingo, 10 de novembro, a XI Milla Móvete pola diabetes, que inclúe probas federadas e populares. Deporte e solidariedade van da man nunha iniciativa de Anedia Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia e o Club de atletismo Rías Baixas e na que colabora a Concellería de Deportes e Benestar Social do Concello de Pontevedra.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou hoxe a cita ao carón da presidenta de Anedia, María José Rego e o director deportivo da proba, Gonzalo Méndez, subliñando que “a milla é tamén un acto de visibilización dunha realidade (a diabetes) que pasa desapercibida, e das dificultades que enfrontan os doentes, e unha reivindicación do deporte como piar de benestar”.
Coa diabetes conviven a cotío máis de 1.200 menores e miles de familias en Galicia, de acordo cos datos de Anedia, unha asociación que naceu en Pontevedra no ano 2013 e que ten a súa sede na Casa Azul.
María José Rego destacou que a XI Milla Móvete pola diabetes “é unha iniciativa para todas e todos” e quixo lembrar que o deporte é benestar para as persoas con diabetes, a súa prática contribúe a mellorar o seu estado de saúde e alongar a vida.
Pola súa banda, Gonzalo Méndez indicou que xa son máis de 400 os/as inscritos nas distintas carreiras Milla pola Diabetes. Hai probas populares e federadas que rematarán coa proba dos menores de 10 anos, a partir do mediodía. Nesta ocasión a carreira dos 500 metros -a máis accesible- terá un plus de inclusión engadido coa participación de membros da Asociación Juan XXIII.
Gulías, Rego e Méndez animaron á participación na XI Milla Móvete pola Diabetes, non só como atletas, senón tamén como público animando aos corredores e amosando a súa empatía e solidariedade.