A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, abriu este xoves na sede da institución en Vigo unha das actividades que acolle as instalacións da Deputación no marco do Hematofesti: a conferencia impartida polo recoñecido ilustrador Paco Roca. A vicepresidenta agradeceu a Ledicia Costas e Alberto Vázquez o impulso deste festival en tributo a Miguel López, El Hematocrítico, finado a finais do ano pasado e “cuxa ausencia seguimos aínda notando e nos segue doendo”.
Luisa Sánchez fixo un percorrido por algunha das obras máis singulares da traxectoria de Roca, como “Arrugas” (Premio Nacional do Cómic), “La casa” ou “El abismo del olvido”, obras que tratan temas como a demencia senil, o mantemento dos recordos dos seres queridos falecidos ou a represión trala Guerra Civil, e polas que “telo hoxe aquí connosco é un luxo”. A vicepresidenta tamén sinalou que Paco Roca é o ilustrador da serie de El Hematocrítico protagonizada pola personaxe de Dona Problemas, da que chegou a publicar dúas entregas, e trasladoulle a solidariedade do equipo de goberno provincial polo acontecido trala dina ao lembrar que o ilustrador é valenciano. As actividades do Hematofesti na sede da Deputación en Vigo continúan o venres cunha sesión entre o sector cultural e emprendedores da cidade e, o sábado, coa xornada “Queremos literatura infantil”.