Home Deputacións Deputación Pontevedra O vicepresidente Rafa Domínguez inaugura a exposición que percorre sete décadas de...

O vicepresidente Rafa Domínguez inaugura a exposición que percorre sete décadas de pintura de José Benito Otero Baena

- Anuncio -

Ata o 19 de xaneiro poderá visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a mostra ‘José Benito Otero Baena’

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, xunto coa directora do Museo, Ángeles Tilve, a comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, e os fillos e fillas de Otero Baena, acaba de inaugurar no Museo de Pontevedra a mostra ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’. A exposición dedicada ao artista, que foi alcalde de Bueu entre 1971 e 1979, percorre sete décadas da súa traxectoria, desde 1949, cando contaba con 24 anos de idade, ata 2016, un ano antes do seu falecemento. Poderá visitarse no Edificio Castelao ata o 19 de xaneiro.

Compoñen a exposición 39 obras procedentes de coleccións particulares, excepto unha chegada do Museo Massó. Son óleos sobre táboa, óleos sobre lenzo e debuxos sobre papel, organizados cronoloxicamente nun percorrido que arranca coas súas primeiras paisaxes con pincel, na estela do seu admirado William Turner, ata que moi pronto abandona este instrumento para pasar a empregar exclusivamente a espátula.

Con este instrumento realiza as súas obras máis características, nas que representa escenas mariñeiras da súa localidade natal, Bueu, cun interese especial polas embarcacións tradicionais e un uso moi persoal da cor. Mantería ese interese ao longo do tempo, aínda que despois da paréntese creativa á que o obrigou o seu labor como alcalde e as súas ocupacións laborais, cando retomou a pintura a finais dos anos 80, o seu estilo evolucionou aos tons suaves e unha constante procura da luz. Ao final da súa vida, buscou con determinación a sinxeleza, en paisaxes nas que está ausente todo o superfluo.

Todas esas etapas están representadas na exposición, na que tamén se pode ver un vídeo sobre o artista realizado polo Concello de Bueu con motivo da celebración do I Certame de pintura Otero Baena para artistas noveis, celebrado o ano pasado.

Unha dedicación constante á pintura
José Benito Otero Baena (1925-2016) sentiu desde neno a necesidade de trasladar ao lenzo a paisaxe da súa localidade natal, Bueu, onde naceu en 1925. A súa obra chamou a atención do debuxante e crítico de arte Ramón Peña, responsable do faladoiro matutino do Café Savoy de Pontevedra, centro de reunión de artistas e escritores que Otero comezaba a frecuentar. Foi precisamente Ramón Peña quen, en 1951, escribiu unha magnífica crítica das paisaxes que Otero exhibiu na sala pontevedresa de Educación y Descanso e tamén quen o animou, en 1952, a solicitar unha pensión da Deputación de Pontevedra para estudar pintura en Madrid. Pouco antes de emprender a viaxe expuxo na Sala Velázquez de Vigo, onde quedou patente a súa intención de buscar a beleza pura da paisaxe galega, sen elementos anecdóticos. Vigo era o outro centro cultural ao que acudía Otero, onde se reunían xornalistas do Faro de Vigo e de El Pueblo Gallego, escritores, profesionais liberais e artistas coma Laxeiro, Xavier Pousa, Rafael Alonso ou Lugrís, ao que tivera a oportunidade de coñecer en 1942 cando este pintaba unhas grandes teas para o comedor das empregadas da fábrica de Massó.

En Madrid matricúlase no Círculo de Belas Artes coa intención de estudar na Academia de San Fernando, pero todo se trunca cando a Caixa de Aforros de Bueu, onde traballaba desde 1949, non lle renova a excedencia laboral e se ve obrigado a regresar. A pesar diso, non renuncia a seguir pintando e estudando co apoio dunha biblioteca especializada en arte, un intenso traballo co que logra un estilo persoal, unha linguaxe propia coa que expresar a súa visión da paisaxe e das escenas de pesca, nas que queda patente a súa especial predilección polo mar.

A súa fecunda actividade pictórica reflíctese no elevado número de exposicións individuais e colectivas que percorren Galicia, á vez que a cor adquire cada vez maior protagonismo na súa obra; emprega con valentía o amarelo para interpretar a luz que atravesa as nubes, transformando o ceo nunha explosión de dourados. O bulicio do colorido é, probablemente, consecuencia da súa admiración por Turner e intensifícase ao substituír o pincel pola espátula, coa que modela o pigmento. Conseguir unha forte intensidade cromática e converter a cor na protagonista das súas composicións eran para el un obxectivo, que alcanzou aplicando a cor con agresividade e transgredindo intencionadamente as tonalidades da natureza.

Un intenso labor que se paralizaba entre 1971 e 1979 porque, ademais de seguir traballando na Caixa de Aforros, foi nomeado alcalde de Bueu. As novas obrigas absorbíanlle demasiado tempo, e pinta esporadicamente ata 1989, ano no que se xubilou e retomou a espátula e o óleo para volver pintar os mesmos temas, pero non do mesmo modo; o seu estilo evoluciona cara a unha nova forma de expresar a cor, que tempera a violencia ao empregar tons suaves, o que, unido á súa constante procura da luz, ocasiona escenas asolagadas de claridade.

Relacionadas

A Deputación e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) poñen en...

0
Trátase dunha iniciativa para proxectar a identidade galega a nivel global, cunha especial atención á conexión co universo lusófono e as relacións Galicia-Portugal A Deputación...

Ventosela presenta o libro sobre a toponimia da parroquia

0
A autora do libro, a profesora Olga Nogueira, dará a coñecer a publicación xunto a alcaldesa, Digna Rivas, nunha charla este sábado día 16...

Luis López salienta o “camiño conxunto” que a Deputación e a Academia Galega do...

0
O presidente provincial lembra a colaboración para organizar por primeira vez na historia os premios Mestre Mateo en Lalín ou para entregar estes galardóns...

Salvaterra de Miño contará un ano máis cun Mercado de Nadal para inaugurar a...

0
O venres 20 de decembro terá lugar a inauguración na que participan @s alumn@s dos centros educativos e do módulo de carpintaría do IES...

O BNG facilita á veciñanza un modelo de alegación contra a ordenanza de vados...

0
Os nacionalistas lembran que as alegacións poden presentarse ata este venres, 15 de novembro, e que as persoas interesadas poden obter o documento na...

O BNG critica que Abel Caballero insista no “mesmo deseño fracasado” que colapsou Vigo...

0
A fronte nacionalista demanda acceso ao plan de tráfico “pantasma” anunciado polo alcalde do que non existe ningún documento nin figura na páxina oficial...

Publicacións Relacionadas