― Con estes traballos, dotouse de iluminación á totalidade do enlace da AG-41 ao parque empresarial, que ademais dá acceso a zona de vivendas de Pedroño
― A actuación contou cun investimento de preto de 33.000 euros
― Instaláronse 6 luminarias, 2 na glorieta oeste e 4 no illote central da glorieta este, ademais de 2 proxectores tipo LED no muro do paso inferior que conecta ambas a dúas glorietas
A Xunta de Galicia vén de finalizar os traballos de iluminación do enlace de acceso da Autovía do Salnés ao parque empresarial de Nantes, no concello de Sanxenxo.
A actuación permitiu dotar de iluminación á totalidade do enlace da AG-41 ao parque empresarial, situado no punto quilométrico 17+200, que ademais dá acceso a zona de vivendas de Pedroño, no concello de Sanxenxo.
As obras foron froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo para impulsar a iluminación desta vía, cun investimento autonómico de case 33.000 euros.
En concreto, instaláronse 2 luminarias na glorieta oeste, unha entre o ramal de saída marxe dereita e o paso inferior, e a outra entre o paso inferior e o ramal de entrada marxe dereita. Ademais, dispuxéronse outras 4 luminarias no illote central da glorieta este, sobre unha única columna de 9 metros de altura.
Tamén se colocaron 2 proxectores tipo LED no muro do paso inferior que conecta ambas as dúas glorietas.
As intervencións completáronse coa instalación de 2 luminarias no viario de acceso ás vivendas, sobre columna de 5 metros de altura.