― Ángeles Vázquez salienta que Finsa investiu en total preto de 200 millóns de euros nos últimos anos para optimizar todos os procesos apostando pola sostibilidade, a eficiencia enerxética, a descarbonización e a economía circular
― O grupo instalou nas súas catro fábricas de taboleiro sistemas de tratamento que reducen considerablemente a concentración de partículas que se emiten á atmosfera e tamén realizou investimentos na xeración de enerxía que permitiron reducir máis dun 70% desde 2018 as emisións directas de dióxido de carbono
― O Executivo galego destaca que a empresa tamén puxo en marcha infraestruturas para mellorar a xestión e o uso da auga ao tempo que está a desenvolver procesos para dar valor a residuos da madeira e aproveitar materiais que antes desbotaba
― A conselleira pon en valor que o labor no eido ambiental deste tipo de compañías, de grande envergadura, exerce un efecto tractor noutras firmas de menores dimensións e contribúe ao desenvolvemento económico da comunidade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións que a empresa Finsa ten no concello coruñés de Padrón, nas que realizou distintas actuacións co obxectivo de modernizalas, facelas máis eficientes e respectuosas co medio ambiente. Por iso, a responsable autonómica destacou na visita a esta compañía o compromiso do tecido empresarial galego co obxectivo da comunidade de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de acadar o antes posible a neutralidade climática.
A representante do Executivo galego salientou que esta empresa -adherida á Alianza galega polo clima- investiu preto de 200 millóns de euros nos últimos anos para avanzar na sostibilidade de todos os procesos, apostando pola eficiencia enerxética e a descarbonización, reducindo as emisións á atmosfera, así como noutras cuestións como a reciclaxe de madeira ou a reutilización da auga.
Neste sentido, Finsa instalou nas súas catro fábricas de taboleiro -Padrón, Santiago de Compostela, San Cibrao das Viñas e Rábade- diversos sistemas de tratamento que reducen a concentración de partículas que se emiten á atmosfera, cumprindo así os estándares europeos. Tamén executou importantes investimentos na xeración de enerxía que permitiron que desde 2018 a compañía reducise máis dun 70% as emisións directas de dióxido de carbono á atmosfera.
Este tipo de accións contribuíu a que en 2022 (últimos datos dispoñibles) Galicia fose a Comunidade que experimentou unha maior redución das emisións contaminantes netas, cun descenso do 59,8% respecto a 1990 -ano que se toma como referencia a nivel mundial para as políticas climáticas- e co que acadou cinco anos antes o obxectivo marcado por Europa neste eido.
A maiores Ángeles Vázquez destacou o labor realizado para mellorar o aproveitamento da auga e a súa xestión con actuacións como a construción dunha depuradora propia para as augas de escorredura pluvial xeradas na súa planta de Padrón, unha medida que contribúe así a mellorar significativamente o seu tratamento.
A conselleira tamén salientou o traballo a prol da economía circular e a utilización de residuos de madeira como materia prima, desenvolvendo novos procesos que permiten a súa incorporación á fabricación de taboleiro. Deste xeito pon en valor e dá unha segunda vida a un material que antes desbotaba, o que permitiu recuperar o ano pasado no conxunto das fábricas do grupo 500.000 toneladas de residuos de madeira.
En paralelo, o grupo avanza na aposta pola enerxía de orixe renovable así como pola optimización do almacenamento de biomasa baixo cuberta para mellorar as súas condicións de humidade para o seu posterior emprego na xeración de enerxía.
Importancia do grupo
Ángeles Vázquez agradeceu o compromiso de Finsa cos avances no coidado do medio ambiente e a aposta pola economía circular e destacou o efecto tractor deste tipo de compañías, de grande envergadura, noutras empresas da comunidade. Nesta liña, lembrou a importancia para o desenvolvemento de Galicia dun grupo que dá emprego a preto de 3.300 persoas e que facturou en 2023 máis de 1.200 millóns de euros.
A planta de Padrón, operativa desde 1964, é a máis antiga do grupo e nos últimos anos foi sometida a distintas melloras co obxectivo de modernizar as súas instalacións e equipamentos. Esas actuacións son as que permitiron os avances rexistrados en materia de sostibilidade ambiental.