Despois dunha xuntanza do BNG coa veciñanza da Armenteira, esta ven de trasladarnos a necesidade de restituír unha mesa-banco (a coñecida como mesa-picnic que ten bancos a ambos lados da mesa formando unha mesma estrutura) que había no parque de xogos.
Ao parque público de xogos infantís da Armenteira acude moita veciñanza a levar as crianzas para o seu lecer, moitas destas persoas teñen unha idade avanzada e non teñen, en toda a contorna máis próxima, un sitio para sentarse e poder manter o control dos nenos e nenas cunha comodidade mínima. Por outro lado os adultos tamén necesitan dunha mesa para poder dar a merenda ás crianzas como se facía cando dispoñían da mesa-banco.
Dende o BNG rexistramos esta petición da veciñanza e consideramos que este problema pode ser trasladado a outras parroquias do noso concello para colocar esta estrutura de mesa-banco en todos os parques infantís que non dispoñan dela.
Economicamente non supón un desembolso desmedido para o concello e os beneficios para a veciñanza xustifican esta pequena inversión.