Os nacionalistas lembran que as alegacións poden presentarse ata este venres, 15 de novembro, e que as persoas interesadas poden obter o documento na ligazón http://i.gal/AlegacionsVaos
Desde o Bloque advirten unha vez máis da inseguridade xurídica do documento impulsado por Telmo Martín, que “busca asustar aos veciños e veciñas ameazando con multas elevadas e así poder seguir alimentando a súa política de formigón”
O grupo municipal do Bloque Nacionlista Galego de Sanxenxo pon a disposición da cidadanía un modelo para facilitar a presentación de alegacións contra a nova ordenanza dos vados, un regulamento que o Goberno do Partido Popular aprobou de xeito inicial en setembro, co voto en contra do Bloque, e que persegue consolidar a presión fiscal aos petos dos veciños e veciñas de Sanxenxo que Telmo Martín está a aplicar desde o inicio do mandato, hai ano e medio.
O grupo nacionalista lembra que as persoas interesadas en presentar as súas alegacións dispoñen de prazo ata este venres, 15 de novembro. Na ligazón http://i.gal/AlegacionsVaos está a disposición o documento base. O
BNG anima á cidadanía a presentar o maior número de alegacións posible contra un documento que “foi redactado ás presas co único propósito de conseguir máis impostos para seguir pagando as consecuencias da política de cemento do señor Telmo Martín”, tal e como afirma o voceiro do Bloque, Fran Leiro. O grupo da oposición incide en que o regulamento “é confuso e provoca unha importante inseguridade xurídica” no que ao regulamento de vaos se refire. Precisamente, o BNG vén de presentar as súas alegacións, nas que pon o foco na falta de concreción en varios dos artigos. En concreto, Leiro sinala os artigos 22 e 25.a, que son precisamente os que dan discrecionalidade ao Concello á hora de recadar. No primeiro caso, fálase das medidas a adoptar en caso de que se faga un uso indebido dos vaos, “sen que se especifique claramente cales son eses usos”, alerta Fran Leiro, que recorda que o Partido Popular propón multas de 700 euros, no caso das máis leves, en caso de infracións. Con respecto ao artigo 25.a, “tal e como está redactado pretende definir como infración o feito de que un vehículo calquera entre nun inmoble calquera, facendo mención a un ordeamento xurídico que, en realidade, non existe”. Outro feito que salienta o Bloque nas súas alegacións é que a ordenanza garanta ás persoas que dean de alta os vaos que dispoñan de servizo de grúa para retirar vehículos que estacionen nos acesos ás súas propiedades, cando, tal e como recordan no BNG, “a grúa só está operativa en Sanxenxo no verán e non durante todo o ano”.
Desde o Bloque teñen claro que Telmo Martín, o que persegue con esta nova ordenanza “é aos veciños e veciñas con multas elevadas para que soliciten eses vados”, salientando que “non se regulan usos, senón taxas. A finalidade recadatoria por parte do Partido Popular está moi clara”. É por iso polo que os nacionalistas animan á veciñanza a que presenten alegacións, para que a ordenanza “sexa o máis xusta posible e non unha ferramenta para conseguir máis ingresos”. Neste sentido, os nacionalistas recordan que a aprobación desta ordenanza chega despois dun primeiro intento fallido por parte do alcalde de cobrar a base de ‘decretazo’, e con carácter retroactivo ata 2020, o servizo de vado a un gran número de veciños e veciñas que nunca solicitaran esta prestación. “A forza do pobo e a campaña informativa que impulsados desde o BNG impediu que o señor Martín avasalle, como ten por costume, os dereitos dos e das cidadáns”,
sinala Fran Leiro, que conclúe lembrando que en menos dun ano e medio de mandato Telmo Martín xa subiu varios impostos e agora sácase da manga esta taxa. “Mentiu á veciñanza asegurando que ía baixar os recibos, cando o único que fai é incrementar a presión fiscal á xente de Sanxenxo para poder dar continuidade aos seus proxectos de formigón”, finalizou.