O venres 20 de decembro terá lugar a inauguración na que participan @s alumn@s dos centros educativos e do módulo de carpintaría do IES Salvaterra de Miño. O Mercado será os días 20, 21 e 22 de decembro para todos aqueles comercios, artesáns ou asociacións interesadas.
Un ano máis e despois do éxito da primeira edición, o Concello de Salvaterra de Miño lanza un Mercado de Nadal para os días 20, 21 e 22 de decembro na Praza do Concello.
A actividade incluída dentro do plan de promoción e dinamización da vila, comezará o venres 20 coincidindo coa inauguración da decoración da praza na que, ó igual que o pasado ano, participan os alumnos e alumnas dos centros educativos e do ciclo de Carpintaría do IES Salvaterra de Miño.
A Praza do Concello de Salvaterra de Miño convértese durante o Nadal nun espazo moi atractivo para veciños, veciñas e visitantes que poderán contemplar o traballo de carpintaría en pezas que son moi admiradas sobretodo polos máis pequenos. Pero a praza non será o único espazo que contará coa decoración do alumnado do ciclo, senón que diferentes puntos do casco urbano albergarán motivos de Nadal creados por eles.
Deste xeito, o Concello busca ofrecer un espazo visible tamén para asociacións, comerciantes e artesáns onde expor os seus productos a través do mercado.
O venres o Mercado de Nadal terá un horario de 16:30 a 21:30 horas e o sábado 21 e domingo 22 de decembro en horario de 10:30 a 21:30 horas.
As prazas para os postos son limitadas polo que aqueles interesados en participar deberán enviar os seus datos á seguinte dirección de correo electrónico comunicacion@concellodesalvaterra.org