O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, e pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu esta mañá a unha reunión do Grupo de Traballo de Igualdade Laboral, avanzando así na aposta da Xunta polo diálogo social con patronal e sindicatos para continuar traballando a prol da igualdade laboral efectiva entre mulleres e homes.
Na xuntanza de hoxe abordouse a certificación galega de excelencia en igualdade, un distintivo impulsado polo Executivo galego que recoñece ás empresas galegas que destacan na aplicación das políticas de igualdade de xénero, como a eliminación da discriminación salarial ou o impulso da formación en materia de igualdade entre as persoas con responsabilidade na empresa. Pablo Fernández incidiu en que este selo é unha medida máis no marco da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido que se seguirá impulsando decidamente en 2025 con medidas como os apoios para promover a presenza da muller en profesións masculinizadas -dotada con 1,7 millóns de euros- ou o reforzo do campus en liña de Igualdade Laboral.