— O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cos beneficiarios da orde de comercialización dirixida ao sector artesán galego
— Concedéronse axudas por un importe superior aos 211.000 euros a 84 entidades -80 obradoiros artesáns, dúas asociacións profesionais e dous concellos-
— En 2025 a Xunta continuará reforzando o seu apoio ao sector para que poidan asistir a feiras de calquera ámbito territorial e abrir novos mercados, sumado ao labor da Fundación Artesanía de Galicia, que incrementa nun 14% o seu orzamento
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que busca reforzar a comercialización do sector artesán galego, posibilitando que a longa lista de oficios existentes poidan estar presentes en multitude de feiras, non só de ámbito galego, senón tamén a nivel estatal e internacional.
En concreto, o Executivo galego vén de conceder axudas por un importe superior aos 211.000 euros a 84 entidades -80 obradoiros artesáns, dúas asociacións profesionais e dous concellos- para o fomento da comercialización da artesanía galega.
Estas axudas favorecen a asistencia a feiras profesionais ou non profesionais de artesanía, de ámbito nacional e internacional, financiándolles aos obradoiros cuestións como o alugueiro do espazo expositivo, seguros, servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento das feiras, servizos de tradución e transporte profesional do material expositivo, entre outros.
De cara a 2025 a Xunta continuará reforzando o seu apoio aos obradoiros artesáns para que poidan asistir a feiras de calquera ámbito territorial e abrir novos mercados ao tempo que incrementan as súas vendas e aseguran a viabilidade dos seus proxectos empresariais.
Isto, sumado ao labor da Fundación Artesanía de Galicia -que contará cun 14% máis de presuposto o ano que vén- confirma a liña estratéxica do Executivo galego para preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais.
Detalles da convocatoria
No marco desta convocatoria, os obradoiros beneficiarios podían recibir unha subvención máxima de 8.000 euros a través de tíckets por feira que ían dos 400 euros de mínimo en feiras non profesionais aos 3.000 euros de máximo en feiras profesionais, pasando polos 1.500 euros para feiras de Nadal.
Así mesmo, o orde contemplaba axudas a concellos e asociacións profesionais ou empresariais de artesáns e artesás para que organicen feiras en Galicia que poñan en valor os distintos oficios ao tempo que os obradoiros implicados aumentan vendas. En concreto, subvencionábanse gastos de infraestrutura, servizos feirais e de publicidade, entre outros.
Os concellos podían recibir unha axuda máxima de 15.000 euros, sendo esta a cantidade fixada para as feiras monográficas de artesanía. Se non eran monográficas, o importe variaba segundo os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participasen. No caso das asociacións de artesáns, podían chegar aos 18.000 euros de achega con feiras de 30 obradoiros involucrados e tamén podían optar a apoios para manter as súas páxinas web, maiores segundo o número de inscritos de Artesanía de Galicia que representasen.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241113/AnuncioG0767-051124-0002_gl.html