Home Xunta de Galicia A Xunta prevé executar en 2025 labores de conservación e limpeza en...

A Xunta prevé executar en 2025 labores de conservación e limpeza en arredor de 550 KM de ríos galegos para incrementar a súa resistencia ante posibles inundacións

- Anuncio -

— Ángeles Vázquez salienta que o organismo hidráulico destinará 2,7 M€ o vindeiro ano á realización deste tipo de traballos, que inclúen a retirada de árbores caídas, limpeza de marxes, control de invasoras e eliminación de obstáculos das canles

— Destaca o bo ritmo ao que avanzan as intervencións programadas para 2024 no marco do plan autonómico de conservación dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, con máis do 90% do orzamento executado ata o momento

A Xunta ten previsto actuar o próximo ano en arredor de 550 quilómetros de ríos galegos coa execución de labores de conservación e limpeza que incrementen a súa resistencia ante os efectos causados por posibles inundacións e reforcen á vez a calidade ambiental das súas augas e contornas.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a un tramo do río Carboeiro, en Oroso, no que precisamente se están a desenvolver estes días diferentes traballos de mantemento e posta a punto por parte do persoal de Augas de Galicia.
Tras precisar que o orzamento reservado para o vindeiro ano ao plan autonómico de conservación dos ríos de Galicia-Costa ascende a 2,7 millóns de euros, a responsable autonómica explicou que os traballos máis habituais consisten na retirada de árbores caídas nas canles fluviais, na limpeza das marxes, no control de especies exóticas invasoras e na eliminación de obstáculos que impidan o discorrer libre das augas.
Todos estes labores buscan ter unha mínima incidencia no ecosistema, recuperar o bo estado dos ríos e mitigar os posibles riscos de asolagamento. Neste sentido, tal e como recalcou Ángeles Vázquez, a finalidade última é manter as condicións naturais das canles fluviais, recuperar a súa funcionalidade xeomorfolóxica, eliminar especies vexetais que prexudiquen ou substitúan ás autóctonas e retirar os restos de vexetación co fin de evitar inundacións naturais das zonas adxacentes.
Acompañada do alcalde de Oroso, Alexánder Doval, e do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, a conselleira referiuse a modo de exemplo á actuación iniciada esta semana no municipio coruñés, onde se actuará nun tramo de preto de 1,2 km do rego Carboeiro, concretamente nunha zona inundable, para acondicionar o espazo e preparalo para as choivas de inverno, co obxectivo de reducir o risco de inundación pola presenza en exceso de ramas e vexetación na zona.
A intervención en Oroso é unha das últimas programadas por Augas de Galicia para 2024 no marco deste plan, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e avanza a un bo ritmo. Así, Ángeles Vázquez indicou que a día de hoxe está executado máis do 90% do orzamento do programa —é dicir, 2,3 millóns— e se actuou xa en máis de 400 quilómetros dos preto de 500 km nos que se prevía intervir ao longo de todo este ano.
Continuidade e reforzo do plan de conservación
As accións realizadas en 2024 e as previstas para 2025 dan continuidade ás executadas nos últimos exercicios ao abeiro do plan autonómico de conservación dos ríos da demarcación Galicia-Costa, un esforzo que a Xunta ten previsto reforzar durante os vindeiros anos.
En todo caso, cómpre lembrar que aos labores periódicos de mantemento que realiza Augas de Galicia fóra do ámbito urbano nos ríos da súa conca, se suman tamén as solicitudes que poden presentar os particulares para a retirada de árbores en espazos fluviais e que, no caso de actuacións de mínimo impacto, adoita tramitarse con celeridade a través da presentación dunha simple declaración responsable.
De feito, a conselleira recordou que para seguir simplificando os trámites e axilizando os procedementos para a execución de obras que preveñan inundacións na bacía Galicia-Costa, estanse a tramitar no marco da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos de 2025 varias propostas que axudarán a avanzar nesta dirección.
Así mesmo, para encarar as posibles enchentes nos ríos da demarcación que xestiona, o organismo hidráulico galego conta cunha estratexia de actuación que se desenvolve a través dunha serie de medidas preventivas, da protección das áreas inundables e de labores de restauración e conservación fluvial como os xa sinalados. Neste sentido, a Xunta mobilizará en 2025 máis de 35 millóns de euros na planificación e posta en marcha de diversas actuacións fronte aos riscos de inundación nesta conca.

Relacionadas

A Xunta lamenta que o Goberno non atendese as súas alegacións ao novo regulamento...

0
― José González remarcou a falta de sensibilidade do Executivo ante a postura defendida por Galicia en coordinación co terceiro sector, desbotando a figura...

A Xunta desenvolve un proxecto piloto para instalar puntos de carga sostibles en centros...

0
— Ángeles Vázquez subliña que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinará 170.000 euros para financiar actividades e formación de persoal e...

A Xunta destaca a importancia de que as entidades asentadas no territorio e coñecedoras...

0
— Ángeles Vázquez salienta que a súa contribución é vital para optimizar a xestión e a protección daqueles elementos de valor máis sensibles en...

Xosé Merelles gaba o papel diversificador do Camiño de Inverno que medrou o 42%...

0
— O director de Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Municipios para a promoción e mellora da experiencia dos...

A Xunta subliña que o proxecto de recuperación de soutos e castiñeiros de Nogueira...

0
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, participa na presentación do proxecto Transformación bioeconómica forestal en Nogueira de Ramuín...

A Xunta destaca o potencial emprendedor da xente nova en Galicia no 2023 tal...

0
— O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á presentación do informe GEM 2023-2024, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela...

Publicacións Relacionadas