Concello e alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier celebraron un encontro no que fixeron propostas para unha participación activa e efectiva de infancia e mocidade na toma de decisións municipais
As nenas, nenos e adolescentes rosaleiros tomaron este mércores a palabra na celebración dun novo pleno infantil no Rosal, unha iniciativa que reafirma o compromiso do Concello coa participación activa da infancia e mocidade na toma de decisións do futuro municipal.
No marco do Día Mundial da Infancia, o auditorio municipal encheuse de ideas, ilusións e propostas formuladas polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, que estivo acompañado na sesión plenaria pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Igualdade e Voluntariado, Beatriz Rodríguez.
O acto contou coa participación de estudantes de 4º, 5º e 6º de primaria e de 1º, 3º e 4º da ESO, que presentaron ante o Goberno municipal e os seus compañeiros e compañeiras diferentes propostas para mellorar o dereito á participación infantil e xuvenil no ámbito local. As intervencións, perfiladas con gran creatividade e sentido crítico, puxeron de manifesto a importancia de escoitar e integrar as ideas das novas xeracións nas políticas municipais.
Durante o encontro, a alcaldesa agradeceu ao CPI Manuel Suárez Marquier e ao alumnado a súa implicación para continuar “dando voz á rapazada, clave para un futuro máis igualitario, participativo e respectuoso coas necesidades de todos e todas. Dende o Concello estamos traballando para formar parte da rede de Cidades Amigas da Infancia porque cremos firmemente en que a sociedade debe construírse contando cos nosos nenos, nenas, mozos e mozas”.
“Cómpre escoitarvos, intentar comprender e recoñecervos a vosa capacidade de observar a realidade, de interpretala e de representar os intereses dos outros. Coa vosa ollada poderemos repensar e seguir a construír un modelo de vila mellor, un Rosal fermoso, inclusivo, sostible, igualitario e dinámico, o mellor lugar para poder xogar, compartir e vivir”, recalcou a rexedora.
Neste pleno infantil tamén se puxo en valor a experiencia da rapazada rosaleira na súa participación no Foro de XII Foro Infantil de Unicef no Parlamento de Galicia, no que defenderon o papel fundamental que ten unha participación da infancia e da mocidade activa, real, efectiva e segura na toma de decisións municipais. Ademais, abordouse a posibilidade de participar no encontro estatal do grupo de participación infantil e xuvenil do Rosal, ‘Fogaricos’, un nome escollido polo seu gran significado en cabaqueiro: traballar con paciencia e dedicación.
A concelleira de Voluntariado aproveitou para animar ao alumnado a sumarse a ‘Fogaricos’, “un espazo para dar forma ás ideas da rapazada, fomentar o debate e fortalecer o papel das novas xeracións no presente e no futuro do Rosal”.
Este pleno infantil supón un paso máis na aposta do Concello por unha participación cidadá inclusiva e transformadora, reafirmando o seu compromiso coas xeracións máis novas. “A sociedade que soñamos só é posible coas voces de todas e todos, incluídas as máis novas, que sempre teñen moito que achegarnos, que ensinarnos e sobre o que falarnos”, concluíu a alcaldesa.