Home Pontevedra O BNG reclama 144 millóns máis para Vigo nos Orzamentos da Xunta...

O BNG reclama 144 millóns máis para Vigo nos Orzamentos da Xunta de 2025

- Anuncio -

A fronte nacionalista formula 41 emendas ao proxecto de contas do Goberno de Rueda para “poñer fin á política de abandono coa que o PP castiga á cidade dende hai 15 anos”

Propón medidas para enfrontar a crise industrial, reverter a privatización sanitaria, responder ao grave problema da vivenda, desenvolver infraestruturas pendentes, avanzar na sustentabilidade ambiental e apoiar o tecido cultural e o deporte vigués

O Bloque Nacionalista Galego reclama 144 millóns máis para Vigo ao proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza do vindeiro ano 2025. A fronte nacionalista vén de formular 41 emendas parciais ao proxecto de contas do Goberno de Rueda para “poñer fin á política de total abandono coa que o PP castiga á cidade dende hai 15 anos” e converter Vigo no “motor dunha nova Galiza”.

Así o defenderon este xoves en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, canda as deputadas e o deputado vigués no Parlamento galego Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova.  “Esta política de castigo do PP coa maior cidade galega foi masivamente rexeitada polas viguesas e vigueses nas pasadas eleccións galegas nas que o PP foi derrotado e o BNG convertémonos en primeira forza”.

O Bloque propón nas súas emendas unha batería de medidas para enfrontar a crise industrial, reverter a privatización sanitaria, responder ao grave problema da vivenda, desenvolver infraestruturas pendentes, avanzar na sustentabilidade ambiental e apoiar o tecido cultural e o deporte vigués.

Emendas que, subliñan dende a fronte nacionalista, expresan o “absoluto compromiso” do BNG coa cidade. “No obxectivo de que Vigo volvamos ser o potente pulmón industrial e produtivo de Galiza; converternos na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións; volver referenciarnos como vangarda cultural e asumirmos o papel que nos corresponde como maior cidade galega liderando a nosa realidade metropolitana e a Eurorrexión”, afirmou o portavoz municipal do Bloque.

Enfrontar a crise industrial
Dende o BNG defenden nas súas emendas unha enérxica intervención pública que enfronte a “grave” crise industrial e produtiva na cidade, que só no último trimestre supuxo a destrución de 1.800 empregos. Nese sentido, trasladan medidas por un importe de 23 millóns de euros para blindar sectores estratéxicos como a automoción, o naval ou as tecnoloxías da información fronte ás ameazas que padecen. Con propostas como despregar un Plan Comarcal de Reindustrialización, crear un Centro de Reparacións do Naval e poñer en marcha un Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico.

Rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro
Outro dos eixos principais das emendas nacionalistas pasa por reverter os procesos de privatización e recortes dos servizos públicos. No caso da sanidade, o Bloque chama a aumentar en 78 millóns o investimento na área sanitaria. Entre as medidas, reclama máis recursos para fortalecer unha Atención Primaria “colapsada”, reforzar os recursos para radioterapia e crear dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) en Navia-Coia e Teis. En relación ao Hospital Álvaro Cunqueiro, reitera a necesidade de rescatar a concesión privada após coñecerse o “desfalco” do PP na súa construción, acondicionar o entorno do centro médico e ampliar a unidade de saúde mental infanto-xuvenil. Do mesmo xeito, defende a absorción de Povisa na rede sanitaria pública.

Vivenda
Dende a fronte nacionalista cuestionan nas súas propostas a “propaganda” do Goberno galego do PP en relación ao grave problema de acceso á vivenda, poñendo como exemplo a parálise durante 15 anos no desenvolvemento do PAU de Navia. Deste xeito, o Bloque demanda destinar 12 millóns de euros adicionais para dotar á cidade dun parque público de vivenda que garanta solucións habitacionais fronte ao aumento dos prezos.

Ensino e cultura

No relativo ao ensino, dende o BNG alertaron das preocupantes carencias que se están a vivir neste curso, en particular polo recorte de profesorado nos centros educativos públicos. Por ese motivo, defenden aumentar en máis de 3 millóns de euros os investimentos nesta materia, tanto para a mellora das infraestruturas actuais como para facer realidade “dunha vez” o prometido instituto de Navia. No ámbito cultural, piden ampliar a ESADg, mellorar a rede de museos e crear unha rede de bibliotecas municipais en colaboración co Concello de Vigo.

Infraestruturas pendentes
As emendas da fronte nacionalista apuntan tamén a poñer fin a históricos déficits en infraestruturas na cidade por parte do Goberno galego. Nesa materia, destacan os investimentos para prolongar o túnel de Beiramar e para construír o túnel de Xulián Estévez, a mellora nos accesos ao Ifevi e a reforma da antiga estación de bus da Avenida Madrid para destinala a usos sociocomunitarios. No capítulo de mobilidade, o Bloque demanda recursos para integrar Vigo na rede de transporte da súa área metropolitana, así como conexións de bus directas cos hospitais públicos, a universidade e o aeroporto.

Residencias e escolas infantís

No obxectivo de reforzar e alargar os servizos públicos en Vigo, o BNG defende emendas para construír unha residencia de maiores no barrio de Coia, crear novas escolas infantís na cidade, mellorar o Punto de Encontro Familiar e dotar de máis recursos para o actual Centro de Información ás Mulleres e desenvolver dous novos centros. Tamén no apartado deportivo, esixen recursos para facer realidade a pendente reforma das pistas de atletismo de Balaídos.

Avanzar na sustentabilidade ambiental
A fronte nacionalista aposta tamén por un maior impulso para un Vigo máis verde e habitábel. Nese camiño, apostan nas súas emendas por destinar fondos ao saneamento integral da Ría de Vigo, a mellora das redes de abastecemento de auga, o control de verteduras no río Lagares así como o prometido anel verde, en colaboración coas comunidades de montes, para despregar medidas de prevención de incendios que eviten escenas como as vividas cos lumes de 2017.

Relacionadas

O luns abre o prazo de inscricción para o Campamento de Nadal

0
● Poden participar nenos e nenas de 3 a 12 anos e desenvolverase os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2024...

O BNG presenta as enmendas aos orzamentos da Xunta de Galiza

0
As emendas presentadas polo BNG inclúen a mellora do transporte público, a creación de novos viais, o abastecemento de auga e saneamento en núcleos...

A Deputación leva este domingo ao Rosal o circuíto +Escénicas con “DeseXo”, de Talía...

0
O espectáculo de teatro xuvenil e adulto poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio municipal +Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, dotado con...

O Congreso aproba unha iniciativa do PP para que en Pontevedra constrúase unha nova...

0
• A deputada do GPP, Irene Garrido, defendeu a necesidade de crear unha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra que reforce a...

A Deputación leva ata Cerdedo-Cotobade un ciclo de curtametraxes no marco do Ciclo Mestre...

0
As pezas poderán verse este domingo no centro cultural de Cerdedo ás 18:30 horas O ciclo, organizado pola institución provincial en colaboración coa Academia Galega...

Tui será en 2026 a sede de Hispacon, o Congreso de Fantasía, Ciencia Ficción...

0
Será a cuarta cidade galega en acoller este evento que reunirá a nomes relevantes do xénero fantástico e que brindará múltiples actividades Tui será a...

Publicacións Relacionadas