A bailarina mosense, Patrcia Martínez, trouxo para Mos por terceira vez a medalla de bronce e o policía nacional, Ismael Lago, regresou con tres medallas, 1 ouro en Dúatlon e dúas pratas, en Campo a través e 5K
Esta tarde celebrouse no Concello de Mos a recepción a dous grandes deportistas mosenses que veñen de triunfar a nivel internacional. Son veciños das parroquias de Mos e Petelos e triunfan nas súas respectivas modalidades deportivas: baile deportivo e atletismo. Trátase de Patricia Martínez e Ismael Lago.
A nosa gran bailarina Patricia Martínez, que leva xa 26 anos competindo, (a meirande parte da súa vida), participou o pasado 1 de novembro en Schladming, Austria, no Campionato do Mundo Adult Master 10Bailes, a modalidade que implica a unión de Standard e Latinos, onde xunto á súa parella, Jacopo, representou a España obtendo por 3ª vez a Medalla de Bronce.
Foi unha competición bastante dura con 4 roldas moi intensas. O ouro levouno Ucraína, a prata Alemaña e o bronce foi para España, seguida de Xapón, Bulgaria e Italia. Previamente, o pasado día 10 de outubro, Patricia Martínez e a súa parella Jacopo, comezaron a tempada en Koper, Eslovenia participando como cada ano nun dos 4 Open Championships que neste caso foi o International Championships, conseguindo entrar por primeira vez na Final na modalidade Standard, cuxo nivel e altísimo, e manterse na Semifinal de Latinos.
Finalizado Koper, o xoves 17 de outubro puxeron rumbo a Toronto para representar a España no Dancesport Grand Prix Canadá. O venres 18 participaron no Campionato do Mundo Adult Master Latinos, obtendo a 10ª posición, e o sábado 19 no Campionato do Mundo Adult Master Standard, conseguindo entrar na Final por primeira vez na carreira de Patricia, e obtendo a 6ª posición. Era un dos seus soños desde nena: estar nunha final cos mellores, no Top Mundial.
Pola súa banda Ismael Lago, da Veigadaña, participou do 15 ao 18 de outubro en Braga, Portugal, nos Xogos Europeos de Policías e Bombeiros representando á Policía Nacional. Logrou un total de 3 medallas en 3 probas realizadas: 1 ouro en Dúatlon e 2 pratas: en Campo a través, e 5 K.