— Ángeles Vázquez subliña que os terreos forestais absorberon 9,7 millóns de CO2 en Galicia no ano 2022, o que representa case a cuarta parte de todo o carbono almacenado por este tipo de solo en España
— Lembra que o Goberno galego leva investidos 2,5 M€ en actuacións de mellora e protección da biodiversidade do Parque Natural de Corrubedo desde a aprobación do Plan reitor de usos e xestión deste espazo protexido en maio de 2021
— Explica que a sobreira é unha árbore que proporciona un hábitat importante para diversas especies de flora e fauna e, ademais, serve para controlar a erosión dado que as súas raíces axudan a estabilizar o chan
A Xunta avoga pola recuperación de especies autóctonas para garantir a preservación da biodiversidade dos espazos protexidos da Comunidade, segundo dixo hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou hoxe ao Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.
No encontro que mantivo co alumnado da Escola de Capataces do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán que está a participar no plantado de 120 sobreiras nese espazo protexido, a conselleira incidiu na importancia deste tipo de actuacións pola súa contribución á conservación ambiental, á restauración dos ecosistemas e á promoción de prácticas sostibles que benefician tanto á natureza como ás comunidades locais.
Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou que a sobreira é unha árbore que “proporciona un hábitat importante para diversas especies de flora e fauna” e, ademais, serve para controlar a erosión dado que as súas raíces axudan a estabilizar o chan, que é fundamental nas áreas dunar e ribeirega.
A maiores, cómpre indicar que as sobreiras son árbores que almacenan carbono, o que contribúe a mitigar os efectos do cambio climático ao capturar CO2 da atmosfera. De feito, segundo lembrou a representante autonómica, os terreos forestais absorberon 9,7 millóns de CO2 en Galicia no ano 2022, o que representa case a cuarta parte de todo o carbono almacenado por este tipo de solo en España.
Durante a súa intervención, a conselleira agradeceu a colaboración do persoal e do alumnado do CFEA de Lourizán, que, ademais de participar na actuación desenvolvida hoxe, tamén se encargaron do acondicionamento da semente, que foi recollida nas inmediacións do parque natural e cultivada no viveiro de Maceda.
Este tipo de accións de mellora e protección da biodiversidade van en liña co Plan reitor de usos e xestión (PRUX) deste parque natural, que foi aprobado no ano 2021 e ao abeiro do cal xa se levan investidos 2,5 M€. Este instrumento de planificación ten como obxectivo a conservación da diversidade xeolóxica e biolóxica nos seus diferentes compoñentes (hábitats e especies), as paisaxes, así como aquelas compoñentes que contribúan á preservación e ao mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais da dinámica deste espazo.
Para concluír, a conselleira puxo en valor que esta planificación, xunto coa colaboración entre a Administración e diferentes organismos e entidades, permiten seguir reforzando o coidado do patrimonio natural e da biodiversidade da Comunidade para que Galicia “siga a ser un referente verde e sostible a nivel nacional e internacional”.