O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, inaugurará este encontro na Cidade da Cultura, que terá un horario de 9,00 a 14,30 horas e de 16,00 a 19,00 horas
O Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia acollerá este sábado 23 de novembro as xornadas Muller, exercicio e deporte nas diferentes etapas do ciclo vital organizadas pola Cátedra SXD Galicia Activa, froito do convenio asinado dende 2018 entre a Universidade da Coruña e a Xunta . Estas xornadas gratuítas oriéntanse ao perfil poboacional da muller, dando así continuidade ás xornadas dos anos anteriores centradas na poboación en idade escolar e nas persoas maiores, e poboacións con necesidades especiais: embarazo, enfermidade crónica e discapacidade, respectivamente.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo inaugurará estas xornadas nas que participarán deportistas da talla de Marta Bobo, ximnasta e primeira muller galega en participar nuns Xogos en Os Ánxeles 1984; Sofía Toro, regatista campioa olímpica en Londres 2012; ou Adi Iglesias, atleta campioa paralímpica en Toquio 2020. As xornadas tamén contarán coa participación da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana.
Nas xornadas, que terán un horario de 9,00 a 14,30 horas e de 16,00 a 19,00 horas, participarán prestixiosos investigadores e investigadoras, que achegarán a súa experiencia respecto aos aspectos hormonais e perfil lesional da muller deportista, exercicio na muller embarazada, exercicio físico en muller postmenopaúsica, seguidas dunha mesa redonda onde participarán deportistas galegas olímpicas e paralímpicas, na que os asistentes poderán formular preguntas e comentarios. Pola tarde terá lugar un relatorio sobre o abandono da práctica deportiva en mulleres e un taller sobre liderado deportivo feminino.