Inés Rey informou hoxe na conferencia anual da Sail Training International (STI) que o Concello solicitou xa que a cidade sexa porto áncora da STI, co obxectivo de visibilizar o potencial da industria marítima e náutica da cidade
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que A Coruña acollerá a Tall Ships Races no mes de xullo de 2027, o que reforzará a posición da cidade herculina como a máis visitada na historia da regata dos grandes veleiros, que voltou por última vez á Coruña en agosto do ano pasado.
Rey, que participou esta mañá no acto de apertura da conferencia anual da Sail Training International (STI) —principal impulsora da Tall Ships Races—, informou de que o Concello tamén lle remitiu á organización a documentación necesaria para postularse como porto áncora da STI, “o que nos permitirá establecer unha relación conxunta de continuidade”.
A rexedora apuntou que a condición de porto áncora situaría A Coruña como un punto de axuda e asistencia aos veleiros en ruta, e tamén contribuirá a que a cidade reforce a súa programación de actividades para programar eventos náuticos de forma máis habitual, “o que tería un impacto directo na economía e o tecido deportivo da cidade”.
Neste sentido, a alcaldesa destacou que tanto a Tall Ships Races como situar A Coruña como porto áncora da STI son dúas iniciativas que van en sintonía co plan de recuperación da fachada marítima, “na que estamos a traballar a escala interadministrativa para gañar espazos públicos destinados ao uso e gozo da cidadanía”. “Falamos dun proceso que suporá un punto de inflexión na imaxe da paisaxe urbana da cidade, e somos conscientes de que os peiraos e a súa actividade deben estar integrados nela, visibles aos ollos da xente”, expuxo Inés Rey, que apuntou tamén que a estadía da Tall Ships Races 2027 na cidade da Coruña será entre os días 16 e 19 de xullo dese ano.
A conferencia anual da Sail Training International continuará ao longo deste venres e tamén este sábado no recinto feiral Expocoruña. A xornada de hoxe iniciouse cun minuto de silencio en lembranza das vítimas pola DANA que afectou a Valencia e Albacete, entre outras provincias.
O Aquarium Finisterrae acolleu onte a previa da conferencia da STI
Os actos previos á realización da conferencia anual da Sail Training International (STI) na Coruña comezaron onte no Aquarium Finisterrae, onde tivo lugar a presentación e exposición das cidades que tomarán parte na Tall Ships Races do ano 2025, que fará parada en Le Havre e Dunkerque (Francia), Aberdeen (Escocia), Kristiansand (Noruega) e Esbjerg (Dinamarca).
Matthew Williams, que representa as autoridades de Aberdeen nesta cita, foi o encargado de dar a coñecer as principais iniciativas e proxectos que están a desenvolver os portos destas cinco cidades. Fíxoo na sala Maremagnum do acuario, acompañado pola alcaldesa, Inés Rey, e a directora comercial da STI, Vanessa Mori, ante unhas 200 persoas chegadas desde diversas partes de Europa e que asisten estes días á conferencia na Coruña.