• A iniciativa permitirá que concellos estreen esta infraestrutura fomentando a cohesión territorial
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas saca a licitación a instalación, mantemento e explotación dunha rede de puntos de recarga eléctrica nos seus 17 municipios. Froito da análise efectuada sobre a tipoloxía de usuarios e o avance do mercado, a entidade impulsa a instalación de 23 cargadores para 46 prazas de aparcamento, tendo en cuenta en todas elas prazas con dimensións para persoas con mobilidade reducida.
Así, a Reserva quere fomentar a infraestrutura de recarga de vehículo eléctrico no rural e potenciar a rede existente do resto de concellos da comarca. En moitos termos municipais será o seu primeiro punto ou o segundo, o que demostra que o plan apontoará a cohesión territorial.
O contrato estrutúrase en dúas fases. A primeira consistirá na instalación e posta en marcha da infraestrutura, cun prazo marcado para o seu pleno funcionamento do 1 de decembro de 2025. A segunda fase consistirá nos trámites necesarios para a concesión da xestión, explotación e mantemento da rede.
A futura adxudicataria da “Rede Eco da Biosfera” terá que compensar en cada anualidade en proxectos de impacto positivo para o territorio das Mariñas. Serán accións para a compensación da pegada de carbono, de recuperación e mellora ambiental, ou de desenvolvemento rural, incluídas dentro da bolsa de proxectos elaborada pola Reserva nos seus 17 concellos. En función do investimento que comprometan as empresas, obterán máis puntos na licitación.
Coa creación desta “Rede Eco da Biosfera”, a entidade aposta por unha infraestrutura de recarga para vehículos eléctricos, inclusiva e accesible, onde se garanta a orixe 100% renovable da enerxía. Valorarase a achega, por parte das empresas interesados, do “Certificado de Garantía de Orixe” que acredite e garanta que a enerxía fornecida na rede de recarga procede de fontes 100% renovables, como contribución ao proceso de descarbonización.
O orzamento de licitación ascende a 155.699,99 euros. A futura concesión licitarase por un período de 10 anos.
O presidente, José Antonio Santiso, explica que a Reserva defende “un transporte máis sostible” acorde cos seus valores. Ademais, apunta que será un atractivo para que o visitante poida realizar “un turismo neutro en carbono real” dentro da aposta por un turismo diferente.
Trátase dunha acción enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística da entidade, que conta con financiamento dos fondos Next Generation.