A Xunta de Goberno da Deputación tamén fixou na súa sesión desta mañá os prezos públicos do Plan Anual de Publicacións 2024, así como aprobou mobilizar 108.000 euros para a cooperación en senllos proxectos con municipios da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar, na súa sesión ordinaria desta mañá, os prezos públicos das entradas ao parque de atraccións Pazolandia, o gran clásico do Nadal da provincia que se desenvolverá do 26 de decembro de 2024 ao 4 de xaneiro de 2025. Os prezos fixados serán os mesmos que os do pasado exercicio: 5 euros por persoa para as entradas xerais e 4 euros por persoa para quenes integren os grupos promovidos polos concellos e asociacións da provincia.
Tamén foron fixados os prezos públicos do Plan de Publicacións do ano 2024, que está conformado polas seguintes obras: Coedición coa Fundación Jorge Jove do libro de Manuel Lage Barreiros “Historia Completa”; “Demografía, familia y reproducción social en tierras de Celanova durante el Antiguo Régimen”, de Delfina Rodríguez Fernández; “La arquitectura del Renacimiento en Ourense. Imagen Urbana”, de Yolanda Barriocanal López; “Arames e fíos”, de Rochi Novoa Vázquez; e a coedición co Grupo Marcelo Macías da obra de Luis Orero Grandal e Francisco Fariña Busto, “Guías do Patrimonio. Castromao, Celanova”.
En materia de cooperación municipal, a Xunta de Goberno da Deputación vén de activar 108.000 euros en axudas para senllos proxectos en dous municipios da provincia: 48.000 euros para un proxecto de reparación de firme e travesía e 60.000 euros para a instalación dunha depuradora e conexión da rede de saneamento en varios pobos.