Alcaldesas e alcaldes reuníronse en Pazos de Borbén para facer balance dos avances no Plan de Sostibilidade Turística en Destino e afondar sobre os novos retos e proxectos para o 2025
Catorce concellos unidos cun obxectivo común: transformar o territorio e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Con este propósito, alcaldesas, alcaldes e representantes dos municipios de Galicia Suroeste mantiveron un encontro en Pazos de Borbén no que se deron novos pasos cos que afianzar o traballo conxunto para o futuro sostible do territorio.
A xornada serviu para afondar sobre varios puntos estratéxicos que implican un esforzo coordinado e conxunto entre os concellos e Galicia Suroeste para o desenvolvemento de iniciativas fundamentais para o territorio. Así, fixéronse novos progresos cara á execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’ acordando a sinatura entre os 13 concellos de Galicia Suroeste dunha nova addenda que permitirá avanzar na posta en marcha de novas accións.
Durante a xornada, os concellos puideron ter tamén unha foto actualizada do estado de execución do PSTD, un proxecto que conta cun investimento total de 1,5 millóns de euros do plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, financiado pola Unión Europea a través de fondos NextGenerationEU.
Por outra banda, na reunión os 14 concellos do Xeodestino Galicia Suroeste amosaron ademais a súa firme aposta por unha xestión turística conxunta baixo a nova marca para posicionar o territorio como destino turístico de calidade cara ao 2025. Por este motivo, durante o encontro aprobaron a sinatura dun novo acordo de colaboración entre os municipios e Galicia Suroeste Eu Rural e coñeceron os primeiros detalles da campaña turística que o Xeodestino presentará en FITUR o vindeiro mes de xaneiro. Tratarase novamente dunha campaña que buscará a innovación e o impacto entre o público asistente á para posicionar a comarca domo destino de referencia na feira internacional do sector turístico máis importante de España que destaca como plataforma clave para o networking e a visibilidade.
Esta reunión das e dos representantes dos concellos de Galicia Suroeste supuxo un paso máis para consolidar unha colaboración eficiente entre os municipios, apostando por un modelo de xestión conxunta que permita afrontar os retos de futuro, mellorar servizos e dar resposta ás necesidades de desenvolvemento e xestión sostible do territorio.