A institución provincial organizará 11 quendas dunha semana cada unha entre o 22 de xuño e o 6 de setembro para rapaces e rapazas nados entre 2012 e 2017 e empadroados nalgún dos concellos da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases para os Campamentos da Lanzada de 2025. Un programa que ofertará 1.540 prazas e que se desenvolverá entre o 22 de xuño e o 6 de setembro do próximo ano. O goberno provincial, destina 470.000 euros para que os cativos poidan desfrutar dunha proposta que inclúe actividades socioculturais, recreativas, formativas, ambientais, científicas e de convivencia.
Os Campamentos da Lanzada van dirixido a rapaces e rapazas nados entre os anos 2012 e 2017 que estean empadroados nalgún dos 61 concellos da provincia de Pontevedra. Do total de 1.540 prazas ofertadas, 1.330 adxudicaranse polo procedemento xeral, mentres que outras 210 quedarán reservadas para menores en situación de risco ou exclusión. Neste último caso, a subvención cubre o 100 % do gasto das familias. Mentres que para os admitidos polo procedemento xeral, o ente provincial subvenciona 130,93 euros do custo por persoa, polo que as familias só terán que abonar 110 euros e, no caso das familias numerosas e monoparentais, 80 euros por praza.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Luis López, “unha vez aprobadas as bases, está previsto que saian publicadas en febreiro no Boletín Oficial da Provincia e, en marzo, abrirase o prazo de presentación de solicitudes”. Neste sentido, o mandatario provincial recordou que, como outros anos, “a adxudicación de prazas será por sorteo porque o número de solicitudes sempre supera amplamente o número de prazas”.