— A empresa Hidria-Ciencia, Ambiente y Desarrollo foi a empresa que resultou adxudicataria do servizo
— A ferramenta permitirá a implantación dun sistema de observación e análise integral da sostibilidade turística de Galicia
— Analizaranse novos destinos onde implantar sistemas piloto de regulación de fluxos
Turismo de Galicia vén de adxudicar o Observatorio de Sostibilidade turística de Galicia á empresa Hidria – Ciencia Ambiente y Desarrollo que terá un prazo de 24 meses para deseñar, desenvolver, implantar, manter e transferir un sistema de observación e análise integral da sostibilidade turística de Galicia.
O Observatorio de Sostibilidade Turística permitirá actualizar as metodoloxías estatísticas e monitorizar a evolución dos destinos galegos a través dun sistema estatístico de observación integral.
Tamén se analizarán novos destinos onde implantar sistemas piloto de regulación de fluxos, instalaranse novos sensores nas rutas xacobeas para monitorizar a chegada de peregrinos e porase a disposición un cadro de mando estatístico coas principais operacións de datos actualizadas, entre outras ferramentas.
A Xunta de Galicia da continuidade así a todo un traballo de planificación desenvolto ata o momento e que permitiu dar resposta á evolución mundial da actividade turística, anticipar tendencias e mellorar a toma de decisións estratéxicas ao tempo que se avanzou en sostibilidade en todas as súas vertentes, desde a ambiental ata a económica, ambiental e social.
Análise de sistemas de monitorización
O novo observatorio permitirá a análise comparativa de sistemas de monitorización de sostibilidade, definindo metodoloxías, ámbitos de actuación e selección de indicadores e tendo en conta os distintos estándares con especial atención á rede de observatorios INSTO e o Marco Estatístico para a Medición da Sostibilidade do Turismo (SF-MST) da Organización Mundial do Turismo (OMT).
Ademais, o sistema de observación nutrirase da colaboración coa asociación europea de rexións NECSTouR e con outros axentes que están desenvolvendo metodoloxías para Turismo de Galicia, en particular a de impacto socioeconómico do Camiño de Santiago.
Esta ferramenta tamén terá un deseño e arquitectura específico que inclúe a definición dunha metodoloxía de análise do destino Galicia con diferentes perspectivas ou dimensións: económica, social, ambiental e territorial. Tamén analizará a pegada ecolóxica do turismo e elaborará un informe de sostibilidade para Galicia, facendo referencia específica aos seus xeodestinos e cidades.