O concelleiro Gonzalo Castro destaca a versatilidade deste evento, que se celebrará entre o 2 e 7 de decembro no Planetario da Casa das Ciencias, na Domus, na Fundación Luís Seoane e na sala O Túnel
Xa queda moi pouco para poder gozar dunha nova edición do Fanzine Fest, unha edición moi especial xa que celebra o seu décimo aniversario. Nesta ocasión o festival redobra a súa proposta e o seu esforzo para converter a cidade no epicentro da cultura electrónica do 2 ao 7 de decembro na Casa das Ciencias, Domus, Fundación Luís Seoane e sala O Tunel.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puido coñecer da man dos promotores do evento, Roi Grobas e Pablo Cubeiro, todos os detalles desta edición tan especial. “Desde o Goberno de Inés Rey somos conscientes da gran versatilidade que ten o sector musical coruñés e proba dilo continuamos apoiando unha iniciativa tan singular e atractiva coma esta, que leva un xénero propios dos clubs a diferentes instalacións municipais singulares”, indicou o concelleiro.
Desde o punto de vista estritamente musical Fanzine Fest contará con figuras internacionais como Convextion, Tasha, Headless Horseman, Umwelt, ou Ben Pest. Un cartel ecléctico que poñerá sobre a mesa unha visión heteroxénea e actual da vangarda musical, sen deixar de lado a escena local e galega. Este ano figuran no cartel nomees como Death Whistle, Synth Alien, Baldo, Phasic 18, Cintia Martís, Boneco, Huma & Urok, EME-SX, Lefrenk, Dj Sith, , Robot City, Aural Space, Roi, The Panic Room ou Fake Robotique.
Fanzine Fest arrincará a súa programación o luns 2 de decembro no Planetario da Casa das Ciencias co novo espectáculo ao vivo dos galegos Synth Alien & Baldo, preparado especialmente para a ocasión. O martes 3 de decembro, a actividade trasladarase á Domus, para gozar dunha nova edición de FPS-BPM comisariada por Juan Lesta e Maria Nunez, na que autoras e autores como Félix Fernández, Inma Veiga, Wences Lamas, Irene Saenz, Arancha Brandón, Hugh McGinley, Laura R. Iturralde e Xavier Núñez presentarán os seus videoclips e creacións audiovisuais.
A actividade manterase na Domus o mércores 4 con dous concertos moi especiais: o da asturiana Okkre, unha das grandes referencias da escena nacional e que estrea colaboración na parte visual, a cargo de The Panic Room. A asturiana presentará NOISEA unha peza inspirada no impacto terapéutico que teñen as frecuencias de ruído xeradas polas praias urbanas nos habitantes das devanditas cidades. O segundo acto da xornada correrá a cargo de Death Whistle. O de Viveiro, na súa cuarta visita ao Fanzine Fest, presentará ‘Alter’: Unha alteración do tempo que transita en ocasións por espazos luminosos, cheos de aire e espiritualidade e noutras por paisaxes escuras, rotos e inquietantes.
Fundación Luís Seoane, sede oficial do 5 ao 7
O xoves 5, a “Fundación Luís Seoane x Son Estrela Galicia” collerá as rendas do festival e durante tres xornadas converterase na sede oficial. Nela sucederanse os dj set e os directos de artistas do ámbito local, estatal e internacional. Na primeira xornada, destaca a presenza, por primeira vez en Galicia, do artista vasco Judy, así como un dos nomes imprescindibles da escena Electro nacional, o madrileño The Zenobit3. Estarán acompañados por tres expoñentes da escena local como son Lefrenk, Phasic 18 e EME-SX.
O segundo día, o venres 6, será unha xornada maratoniana, que comezará desde a mañá e finalizará a media noite. Será o momento do concepto formativo de Fanzine Fest, un espazo para a aprendizaxe e a mellora enfocado tanto a adultos como a nenos. Ales Pardo impartirá unha charla didáctica titulada CV-Gate-Triggers e MIDI con Ableton ao vivo, mentres que Óscar Dominguez aka Urok presentará Introdución a Touch Designer. Os nenos poderán participar no taller Pequenos Beatmakers realizado por Lefrenk e ademais gozarán da creación de sons e melodías con “Faino Soar”
Musicalmente será a quenda das actuacións entre outros de Roi, Boneco, Dj Sith e Robot city, coa participación destacada dun dos actores protagonistas da escena nos últimos anos: o francés Umwelt, DJ e produtor experimentado proveniente da escenas rave e techno underground dos anos 90. O cartel da xornada completarano a moza madrileña Luska, o leonés Hüugen, o londiniense de orixe coruñesa Lex G e o colombiano afincado en Galicia WG83.
O terceiro acto da “Fundación Luís Seoane x Son Estrela Galicia” comezará o sábado 7 pola mañá e terá un cartel comandado polo directo do artista británico Ben Pest, acompañando ao inglés estará a dupla portuguesa Ruuar, o malagueño Raphlex, e representando á escena galega, Cintia Martís, Fake Robotique e Aural Space.
Na noite do sábado, o broche de ouro chegará, un ano máis, coa xornada de peche do festival, na sala O Tunel. Do seu cartel destaca a presenza do recoñecido produtor americano Convextion; ademais de Headless Horseman, que visitará por primeira vez Galicia; e a dj británica Tasha.
Pero non serán os únicos pratos fortes da xornada. O line up completáseno o cántabro Robert Cosmic , o andaluz, Irrational Languaje, os leoneses JX2 e os galegos Huma & Urok. Os visuais correrán a cargo dos coruñeses Baldo e The Panic Room e o leonés Mucrovisión.
As entradas do festival están á venda a través da páxina web oficial do festival, www.fanzinefest.com. Fanzine Fest conta co apoio do Concello da Coruña e SON Estrela Galicia.