Turismo de Galicia participou estes días en xornadas de presentación de destino en Singapur, Shangai, Polonia e Chicago
Turismo de Galicia está a desenvolver unha intensa actividade de promoción no ámbito internacional a través da difusión do destino en varias citas turísticas en Asia, Europa e Estados Unidos.
Entre os atractivos que espertan maior interese do destino Galicia están todos aqueles que teñen que ver coa paisaxe, o patrimonio, a cultura, o turismo de natureza, deportivo e a posibilidade de vivir experiencias novas e únicas.
Así, ata este xoves, técnicos do sector turístico da Xunta participaron en xornadas de carácter directo celebradas en Singapur. Organizadas pola Oficina Española de Turismo, estas sesións informativas tiveron un especial impacto entre o público do sudeste asiático.
Tamén neste continente, Turismo de Galicia participou en Shangai nunhas xornadas de promoción do destino no mercado de China. Neste caso, a cita estivo convocada por Turespaña e contou coa organización da Oficina Española de Turismo en Pekín.
O perfil do turista asiático indica que ten un alto poder adquisitivo, ademais dun potencial desestacionalizador importante e amósase moi interesado na arte, na tradición e nos eventos culturais, ademais da gastronomía e a compra de produtos de luxo. Os últimos datos falan dun forte crecemento de turistas asiáticos e agárdase que en 2030, a área de Asia-Pacífico xere doce turistas por cada cen habitantes. Europa é o destino preferido para aqueles asiáticos que deciden viaxar fóra da súa rexión.
Reforzo do mercado europeo
Por outra banda, o turista europeo, concretamente o polaco, é o obxectivo doutra acción promocional que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro. A cita será o Festival de Viaxeiros de Jasionka (Polonia) e está organizada pola OET de Varsovia.
De forma paralela, Turismo de Galicia está a desenvolver distintas accións dentro da súa estratexia de internacionalización do destino entre tourperadores e prescriptores de Holanda e Reino Unido, ademais doutras citas en Europa; India, en Asia e Estados Unidos. Neste última, recentemente participou en Chicago, no Congreso Anual da Asociación de Operadores Turísticos do Midwest de Estados Unidos, onde amosou as peculiaridades do destino antes 300 touroperadores estadounidenses.
Turismo de excelencia
Ademais, A Xunta busca afianzar tamén o destino entre segmentos de mercado de alto impacto turístico. A intención é seguir estudando fórmulas que axuden a atraer a Galicia a un viaxeiro de alta capacidade de gasto, dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado. Así, destácanse numerosos activos cos que conta a Comunidade galega con experiencias e servizos de excelencia. Os reclamos culturais e de lecer, o patrimonio cultural e gastronómico, e enogastronomía, os xardíns históricos ou opcións de alto nivel en compras centran parte das accións promocionais dirixidas a un turismo de excelencia.
Todas elas son accións de carácter promocional coas que a Xunta reforza o atractivo que está a ter Galicia no mercado internacional nos últimos anos, cun crecemento que supón que o turismo estranxeiro supoña xa o 30% da demanda turística de Galicia, as cifras máis altas desde que hai rexistros.