A praza do Concello de Redondela acolleu este mediodía o acto institucional co gallo da conmemoración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa. lembrou que no que vai de ano son xa 41 as mulleres asasinadas en España, 4 delas en Galicia. Advertiu tamén que “unha de cada tres mulleres son vítimas de violencia física ou sexual alo menos unha vez vida, e o risco é maior entre as mozas”.
A lectura da Declaración Institucional correu a cargo de Mar Núñez e usuarias e usuarios das asociacións Lenda e Andaina. Un texto que fai referencia ao lema da campaña polo 25N do Concello “Sempre hai saída”, unha alegoría que busca ser unha porta aberta á liberdade.
A escritora Arancha Nogueira e a artista Neves Seara realizaron unha simbólica performance na que reflicten as ataduras e dor que sofren as mulleres vítimas da violencia machista e da que poden saír con axuda. Esta intervención artística pretende ser un berro “polas que non poden falar”. A voz de Mar Núñez deu voz a varios poemas do libro “No camiño do Vento”, de Sesé Mateo.
A alcaldesa, Digna Rivas, foi a encargada de pechar as intervencións. Advertiu no seu discurso que “a violencia machista existe, e non retrocede” cunhas cifras de vítimas que so “arrepiantes”. Rivas reafirmou “o compromiso do goberno local coa erradicación da violencia de xénero” ao tempo que pediu o compromiso de todas as administracións e toda a sociedade “porque só remataremos con este tipo de violencia traballando unidos”. Puxo o foco na necesidade de avanzar “na prevención e a educación para acabar coas desigualdades”, e lembrou que desde o Concello de Redondela trabállase “todos os días do ano para erradicar a violencia machista en todas as súas formas”.
Un gran lazo humano violeta encheu a praza do Concello como símbolo da loita contra a violencia machista. Participaron escolares do CEP Santa Mariña e usuarios e usuarias de Lenda, Andaina, Cogami e centros día Cortizos e Cesantes, ademais de grupos políticos e veciñanza en xeral. Logo a porta violeta que representa o lema da campaña do Concello polo 25N “Sempre hai saída” encheuse coas mensaxes que os asistentes foron engadindo. Rematadas actividades na praza do Concello, realizouse a ofrenda floral no Salgueiral, ante a árbore ginkgo biloba na memoria das vítimas.
As actividades co gallo do 25N continuarán o xoves día 28 ás 18.00 horas co contacontos “Aitana e a avoa, e outros contos violetas”. Será no multiúsos do Piñeiral, en Chapela, con Soraya Lema. A actividade está dirixida a crianzas a partir dos 3 anos.
Recursos para as vítimas
A porta violeta e o lazo humano foron unha proposta dos Servizos Sociais Municipais que se sumou á programación do CIM. Lembrar que o Centro de Información á Muller de Redondela é un recurso que está a disposición de todas as vítimas de violencia machista. O 016 é o teléfono de información e asesoramento para casos de violencia de xénero. É gratuíto e non se reflexa da factura telefónica, pero é necesario borralo do historial de chamadas do terminal.