― Esta acción da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería do Medio Rural desenvolverase entre o 6 e o 8 de decembro no casco histórico da vila
― Será en horario e 11,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h e incluirá un mercado de Nadal de Artesanía de Galicia, que albergará a igrexa de Santa María da Magdalena, e outro de Artesanía Alimentaria, que estará situado na Praza Maior
― Con esta iniciativa a Xunta busca poñer en valor a artesanía e os produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización co uso efémero de diferentes locais comerciais
― Ademais da comercialización de produtos englobados nos selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, os asistentes poderán participar en catas, degustacións, obradoiros dirixidos a familias e profesionais, baile ou música
Entre o 6 e o 8 de decembro o casco histórico de Ribadavia acollerá a iniciativa Artesanía, saber e sabor, que incluirá un mercado de Nadal de Artesanía de Galicia e de Artesanía Alimentaria, así como de actividades para todos os públicos, como obradoiros dirixidos a familias e profesionais, catas, degustacións, baile, música ou sorteos. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería do Medio Rural que servirá como punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que será impulsado pola Xunta no 2025 co obxectivo de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas.
Artesanía, saber e sabor busca poñer en valor a artesanía e os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización a través do uso efémero de diferentes locais comerciais do casco histórico da vila -abertos ao público para este evento- e a igrexa da Magdalena. Ademais, ao longo dos tres días, esta iniciativa reunirá máis unha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca Artesanía de Galicia.
O horario será de 11,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h e o mercado de Artesanía de Galicia terá lugar na igrexa de Santa María de Magdalena e contará con 10 expositores artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e pertencentes aos sectores da olería e cerámica, bixutería, xoiaría, coiro, calceta, feltro e relacionados coa moda.
Estes son Alfarería Lista, Contraform, Ferraxe de Prata, Jatafarta, Laura Triñanes, Logaro, Lumecú, María Monsalve, Mundaya e O Covil. Ademais, haberá dous expositores nun local dedicado a obradoiros de cerámica, que son os de Nerea Carpente, de Peixe Nero e Carlos San Claudio. Estes artesáns proceden de Untes, Vilar de Santos, Ourense, Malpica de Bergantiños, Santiago de Compostela, Teo, Monterroso, Covelo e Vigo.
En canto aos obradoiros, celebraranse en diferentes localizacións do casco antigo de Ribadavia e serán abertos a todos os públicos. Algúns deles estarán dedicados á elaboración de produtos relacionados co Nadal como os de demostracións de arranxos florais a cargo de Verónica Souto, de Floradeira (Paderne).
Tamén se desenvolverán talleres de elaboración de sanandresiños, con Jorge Bellón (Santo André de Teixido, Cedeira); de torno cerámico, a cargo de Nerea Carpente de Peixe Nero (Covelo) e de Carlos San Claudio (Vigo); de Cianotipias, con Peixesapop (Vigo), de estampaxe de teas con serigrafía, a cargo de Sandra Betanzos, de Amor ó teu (Ames) e de debuxo, que impartirá Catalina Rodríguez. As persoas interesadas en participar nestes talleres de artesanía poderán formalizar a súa inscrición na web de Artesanía de Galicia, artesaniadegalicia.xunta.gal
Artesanía Alimentaria
No que atinxe ao mercado de Artesanía Alimentaria, celebrarase na Praza Maior e as expositoras serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos a ao selo Artesanía Alimentaria dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica. Así, haberá queixos, xeados, mel, embutidos e outros derivados cárnicos, marmeladas e outras conservas vexetais, cervexas, sidra, aceite de oliva, chocolate e derivados do cacao, entre outros produtos.
Ademais, o público que visite Ribadavia durante o evento poderá gozar tamén doutras accións que contribuirán a revitalizar o territorio, como obradoiros dirixidos a público xeral e profesional, catas, degustacións, baile, música ou sorteos de produtos de Artesanía Alimentaria. O programa conta tamén con actividades dirixidas aos máis cativos.