― Ángeles Vázquez destaca que o servizo de asistencia técnica e apoio á dirección de explotación de Augas de Galicia nas EDAR é por un prazo inicial de dous anos e inclúe a posible prórroga por tres máis así como incorporar novas instalacións
― A empresa adxudicataria deberá realizar labores de control analítico, informes de seguimento e dixitalizar o proceso para facer seguimento das infraestruturas de saneamento coas que coñecer e detectar posibles desviacións nos procedementos
― A adxudicación inclúe novidades como a utilización da intelixencia artificial, a posta en marcha dunha experiencia piloto para maximizar o rendemento de eliminación de nitróxeno da auga para mellorar a súa calidade e a celebración de dúas xornadas formativas no marco da Escola Galega da Auga
― A medida enmárcase no apoio técnico e económico que ofrece o Goberno galego aos concellos para brindarlles unha alternativa autonómica para xestionar estes servizos
A Xunta de Galicia adxudicou por preto de 10 millóns de euros un contrato para os próximos cinco anos co que optimizar a xestión e o funcionamento das estacións depuradoras de augas residuais urbanas (EDAR) que explota na comunidade. A adxudicación é inicialmente para dous anos, por importe de 3,4 millóns de euros, pero que inclúe a posibilidade de prórroga por tres exercicios máis así como incorporar novas depuradoras á prestación do servizo.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a EDAR de Moraña, onde explicou que o contrato de asistencia técnica á dirección de explotación de todas as estacións depuradoras que están baixo a xestión de Augas de Galicia (un total de 28) inclúe a realización de traballos de control analítico sobre as augas tratadas, a elaboración de estudos e informes de seguimento inherentes á propia xestión das plantas e a aplicación de ferramentas tecnolóxicas que lle permitan seguir avanzando no proceso paulatino de dixitalización das instalacións hidráulicas.
A responsable autonómica destacou que o servizo abrangue o control dos procesos depurativos mediante o seguimento de distintos parámetros, as comprobacións dos plans de mantemento preventivo e correctivo das instalacións e a realización de analíticas para comprobar o cumprimento da normativa de tratamento e xestión da auga. Ademais, inclúe a redacción de informes e estudos de diferentes tipoloxías, necesarios para a propia xestión das plantas.
Neste sentido, e co reto de avanzar na dixitalización das instalacións hidráulicas de Galicia, a empresa adxudicataria implantará nas 28 EDAR unha nova plataforma para monitorizar en remoto e en tempo real as infraestruturas de saneamento. Isto permitirá a recollida continua de datos de diferentes fontes relevantes para coñecer o estado dos procesos e as posibles desviacións mediante un elevado número de sinais dos sensores, dos equipamentos ou do control enerxético.
Así mesmo, o novo servizo de apoio e asistencia á dirección que realiza Augas de Galicia tamén incluirá a proposta de medidas ou mesmo da execución de obras e traballos que poidan garantir a mellor xestión, presente e futura, das instalacións de depuración. Neste contexto, o contrato prevé a aplicación da intelixencia artificial na análise da información co fin de determinar o mellor xeito de actuar.
Na mesma liña, poñerase en marcha unha experiencia piloto nunha das EDAR para maximizar a eliminación de nitróxeno, o que contribúe a mellorar a calidade da auga. A maiores, o servizo tamén contribuirá á posta en marcha da Escola Galega da Auga pois inclúe a organización de dúas xornadas específicas para formar e sensibilizar aos técnicos municipais sobre a xestión da auga.
Lei do ciclo integral da auga
Ángeles Vázquez destacou que aínda que a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos dando apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesitan co fin de ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.
Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada en 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios ante as dificultades que teñen algúns deles para asumilo, facilitando así que estes servizos se poidan prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.
Na actualidade, Augas de Galicia encárgase da explotación de 28 depuradoras de augas residuais urbanas no conxunto da comunidade. Delas, 14 son de titularidade municipal e están baixo xestión autonómica; 1, a de Praceres, que dá servizo a Pontevedra, Poio e Marín, é de titularidade autonómica; e as 13 restantes foron construídas no seu día mediante a fórmula de concesión.
Para a realización de todos os traballos técnicos, administrativos e de control que require a explotación dunha infraestrutura hidráulica deste tipo, en todo caso, faise necesaria a contratación dun servizo de apoio técnico, asistencia e seguimento á dirección da explotación das estacións depuradoras que leva a cabo Augas de Galicia.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que aínda que o servizo incluído no contrato está pensado para as 28 EDAR que explota a empresa pública a día de hoxe, no orzamento xa se prevé a posibilidade de que durante a súa vixencia se incorporen novas estacións (ata un máximo de oito).
Orzamento Augas de Galicia 2025
A maiores, Ángeles Vázquez lembrou que o orzamento de Augas de Galicia sobe o vindeiro ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.