Rafa Domínguez: “Hoxe é un día moi importante porque estamos cumprindo unha das funcións do Museo, poñer as obras de arte a disposición da sociedade”
A ferramenta de consulta en liña, dispoñible desde hoxe en museo.depo.gal, permite o acceso a 25.182 bens que custodia o Museo, a maior parte deles non exhibidos en sala
A Deputación ofrece desde hoxe na web do Museo de Pontevedra unha nova ferramenta para achegarse ao amplo e variado catálogo dos fondos que custodia. Trátase dunha nova sección, ‘Explora a colección’, na que calquera persoa pode navegar polos fondos da institución empregando múltiples criterios de busca, para consultar os 25.182 rexistros dispoñibles en liña. O obxectivo é achegar á cidadanía toda a colección do Museo, que é moito máis ampla que aquilo que ten cabida nas salas da exposición permanente, e está dispoñible en https://museo.depo.gal/gl/coleccion/explora-a-coleccion/.
A presentación da nova ferramenta correu a cargo do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e da directora do Museo, Ángeles Tilve. Domínguez sinalou que “hoxe é un día moi importante porque estamos cumprindo unha das funcións do Museo, poñer as obras de arte a disposición da sociedade”. O vicepresidente salientou que agora “desde calquera lugar do mundo se poderá acceder a practicamente todas as obra da colección” e nesta mesma idea afondou Ángeles Tilve, poñendo o foco en que “mentres que nas salas dos edificios Castelao e Sarmiento temos expostas arredor de 1.250 pezas, a través desta nova ferramenta poderase acceder a máis de 25.000 bens catalogados da nosa colección”.
Tanto o vicepresidente provincial como a directora agradeceron ao equipo de conservación do Museo o traballo na elaboración das fichas dos bens catalogados e destacaron que este é un proxecto que se realizou integramente por persoal propio, tanto os contidos realizados no Museo como a ferramenta tecnolóxica desenvolvida polo departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.
Así funciona ‘Explora a colección’
De cada obra na colección pode consultarse a súa autoría, a cronoloxía e escola á que pertence, características como as dimensións, a técnica e os materiais, a temática e as coleccións nas que se insire, así como datos puntuais dalgúns rexistros, como a forma de ingreso e títulos alternativos ou campos específicos de determinados tipos de bens, como os arqueolóxicos ou os numismáticos. Cada ficha incorpora tamén, na maioría dos casos, unha ou varias imaxes.
Para axudar na consulta, a ferramenta conta cun completo buscador que permite realizar buscas por texto libre ou por outros nove criterios, como a autoría, o tema, a escola ou o material. A busca permite combinar varios destes criterios e, desde calquera das fichas, acceder ao conxunto de rexistros coas que esa obra comparte autoría, época ou colección.
Así, a través de ‘Explora a colección’ pódense consultar as 1.795 obras de Castelao que custodia o Museo, as 611 pezas da colección de cerámica de Sargadelos ou as 341 pezas de acibeche, por citar algúns exemplos. Tanto para o público xeral como para o público especialista, trátase dunha funcionalidade que permite acceder a un coñecemento moito máis profundo da colección, xa que pon ao seu alcance a información sobre moitas máis obras das que teñen cabida na exposición permanente do Museo. Esta aplicación complétase con Atopo, a ferramenta da Deputación que entre outros, dá acceso aos fondos da biblioteca e do arquivo do Museo.
Próxima evolución
A nova sección concíbese como unha ferramenta en constante actualización, que se mellorará proximamente con novas funcionalidades e coa constante ampliación do número de rexistros visibles. Actualmente mostra o 90% dos máis de 28.000 obras rexistradas na colección de obxectos históricos e artísticos do Museo. Este número vaise ir incrementando paulatinamente, coa incorporación do resto de rexistros que forman parte xa da colección como de calquera nova incorporación.
Entre as funcionalidades previstas en próximas actualizacións está a incorporación de información de detalle sobre as obras, con enlaces a documentación de carácter científico e divulgativo existente na web do Museo sobre esas pezas, a posibilidade de extraer informes en PDF a partir das buscas realizadas ou a suxestión de obras relacionadas que poidan interesar á persoa que fai a busca. As características da ferramenta de catalogación da que se toman os datos fai que actualmente parte do contido non estea dispoñible en galego, algo que tamén se solucionará en próximas versións da ferramenta.